Viñetas para honrar os mártires de Baredo

A novela gráfica 'As 9 cruces' preséntase hoxe no concello de Baiona.
Ilustración —autoría de Miriam Iglesias— da capa do libro de banda deseñada 'As 9 cruces', editado pola Deputación de Pontevedra.
photo_camera Ilustración —autoría de Miriam Iglesias— da capa do libro de banda deseñada 'As 9 cruces', editado pola Deputación de Pontevedra.

Esta sexta feira preséntase no Multiusos de Sabarís, no concello de Baiona, o primeiro capítulo do libro de banda deseñada As 9 cruces. A novela gráfica narra a historia dos mártires de Baredo -sete mariñeiros, un labrego e un ferreiro-, que foron asasinados polos falanxistas o 15 de outubro de 1936 na curva de Baredo (Baiona), coñecida popularmente desde entón como a 'Volta dos Nove'.

A obra, promovida polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, está coordinada polo ilustrador e debuxante Kiko da Silva; Fernando Llor encargouse de deseñar o seu guión, e conta coas ilustracións de Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Miriam Iglesias e Álex Rozados -integrante do equipo de maquetación de Nós Diario-.

Precisamente, Da Silva e varios autores e autoras participarán na presentación do primeiro capítulo de As 9 cruces, xunto coa deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, e integrantes do Instituto de Estudos Miñoráns.

Trátase da segunda obra de banda deseñada que publica a institución provincial, despois de Regreso á Illa de San Simón. A intención da Deputación é constituír unha colección de novelas gráficas que aborden a cuestión da memoria histórica  a través dun formato "atractivo" e menos orixinal.

O propio Kiko da Silva, en conversa con Nós Diario, sinala que non é a primeira vez que traballan desta maneira. "Xa temos elaborado outros proxectos colectivos con alumnado de 'O Garaxe Hermético'", o obradoiro que el mesmo dirixe. 

Novela por entregas

O debuxante e ilustrador detalla que As 9 cruces será estreada por capítulos, que posteriormente serán recompilados nunha única publicación. "Imos sacar  un capítulo cada dez días, até decembro. Serán nove, un por cada fusilado polos falanxistas", explica Da Silva.

Sobre a escolla deste formato, o coordinador do proxecto salienta que o obxectivo era duplo. Por unha parte, facilitar a lectura e a difusión da novela gráfica, xa que o tamaño dos capítulos permite "movelo nas redes sociais". Por outra parte, o ilustrador sostén que este formato permite "achegar o público máis novo á banda deseñada e ás cuestións de memoria histórica, xa que non son temas que lles adoitan interesar, e é difícil que participen en actos como congresos, encontros ou faladoiros" que aborden a desmemoria.

Ademais das dificultades técnicas, o equipo que participou na composición da novela gráfica tivo que abordar o traballo de trasladar ás viñetas toda a documentación coa que contaban, mantendo nese proceso a rigorosidade e a veracidade. Neste sentido, Da Silva agradece o labor tanto de Montse Fajardo como do Arquivo da Deputación de Pontevedra, que axudaron a conseguir toda a información que precisaban.

Unha obra "dura" de facer

Á hora de converter os datos e a documentación en imaxes, o ilustrador recoñece que tiveron que evitar "construír unha historia truculenta". "Ao final, estamos relatando nove asasinatos, e é difícil non caer niso", engade.

Tendo en conta todo isto, Da Silva asegura que "é un dos libros máis duros que tivemos que facer até o de agora". Porén, amósase satisfeito co resultado, e subliña que "está é unha historia que merece ser contada".

"Esta obra demostra o estado de madurez da cultura galega"

Kiko da Silva sinala que unha novela gráfica como As 9 cruces "demostra o estado de madurez da cultura galega". "Hai uns anos, un proxecto deste estilo na Galiza semellaría ciencia ficción", afirma o ilustrador, para reivindicar a banda deseñada como "un medio artístico que mestura no seu interior moitos xéneros moi diferentes". Desde o xornalismo á poesía, "a banda deseñada serve non só para o lecer, senón tamén para informar" ás persoas lectoras de novelas gráficas.

Comentarios