Máis

Unha viaxe ás terras de Pedro Madruga

A memoria de Pedro Madruga está viva no patrimonio material e inmaterial do sur da Galiza. As súas pegadas fican en castelos, lendas e cantigas transmitidas de xeración en xeración desde hai máis de 500 anos polas terras de Pontevedra, Vigo, Baixo Miño, 
O Condado, A Paradanta ou O Ribeiro.
Fortaleza de Pedro Madruga, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fortaleza de Pedro Madruga, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario).

Foi un dos tres grandes Pedros da revolta galega contra Castela das décadas finais do século XV. Mentres Pardo de Cela ergueu o norte galego até morrer decapitado en Mondoñedo en 1483 e o conde Lemos bateu o ferro no centro até deixar o relevo ao seu fillo/neto Rodrigo, Madruga pelexaba no sur ás tropas dos Reis Católicos. Os tres a un tempo, como cabezas dun movemento nacional e popular, defenderon unha Galiza non subordinada a Castela. Porén, ningún como Pedro Álvarez de Soutomaior, para nós Pedro Madruga, estivo tan cerca da vitoria.

A revolta galega estivo perto de lograr o éxito. No marco das diversas conversas estabelecidas entre Afonso V e os Reis Católicos para pór fin ao conflito, o rei portugués solicitou en 1479 a separación da Galiza de Castela e a súa incorporación a Portugal. Segundo recolleu a crónica de Afonso V, nas negociacións abertas tras a batalla de Toro, nas que participou Pedro Madruga, o monarca luso solicitou polos dereitos que que como esposo de Xoana "tinha nos Regnos de Castella, lhe soltssen liuremente algua parte do senhorio della, e que esta seria bo regno de Galiza como todos os seus termos". 

Pedro Madruga, vinculado económica e familiarmente ao espazo galego portugués, casado cunha nobre desa nacionalidade, Teresa de Távora, amigo e persoa de confianza do monarca Afonso V, foi a cabeza do partido portugués na Galiza de finais do século XV. Nesta liña, defendeu unha Galiza arredada de Castela, achegada a Portugal e ligada ao espazo atlántico, en coherencia coa aposta formulada polas clases dirixentes galegas desde 1230.

A lembranza aínda viva na tradición oral de Madruga dá conta do alcance da súa revolta e da consideración positiva da súa figura. Precisamente, a marquesa de Ayerbe, a socialista María Vinyals, propietaria do Castelo de Soutomaior, escribiu por volta de 1904, un libro sobre a fortaleza, onde significou que a memoria de Pedro Madruga mantíñase entre os descendentes dos seus antigos vasalos, até o punto de "seguir, como hai 200 anos, de pais a netos, referíndose a Madruga como se fora o rei da Galiza". 

Castelo de Soutomaior

O Castelo de Soutomaior, emprazado no concello de mesmo nome localizado na comarca de Vigo, é o punto de partida imprescindíbel para calquera percorrido pola xeografía vital de Pedro Madruga. Neste caso, é recomendábel visitar cada unha das estancias interiores do edificio, xa en pé no século XII e que foi propiedade dos antepasados dese cabaleiro, alén de servir de escenario de conflitos bélicos importantes. 

A maiores dos capítulos políticos asociados a este seu propietario do século XV, con anterioridade foi testemuña das loitas entre o partido galego e o partido castelán durante a revolución galega do século XIV, de diversos episodios vividos durante a II Guerra Irmandiña e por suposto dos enfrontamentos entre a diocese de Compostela e Tui.
O espazo, aberto ao público todos os días da semana, é resultado de sucesivas obras de mellora, entre elas as executadas a comezos do século XX pola marquesa de Ayerbe. Neste sentido, resulta inescusábel visitar no recinto o espazo museístico, onde se dá cumprida conta da historia dos Soutomaior, o xardín, cuxa orixe se remonta a 1870 e  a ruta das camelias, conformada por 400 exemplares, 18 deles centenarios. 

Fortaleza de Sobroso

O Castelo de Sobroso, emprazado no municipio de  Mondariz, na comarca do Condado, é outra parada necesaria neste roteiro. As páxinas máis relevantes da súa historia tiveron lugar no século XV, cando foi escenario das loitas entre as tropas galegas de Soutomaior e as castelás de García de Sarmiento. Após a II Guerra Irmandiña, a edificación pasou a mans de Pedro Madruga.

As orixes desta fortaleza, erguida sobre un castro, sitúanse no século X, cando serviu de refuxio ao rei galego Vermudo II, sendo referido en 1046 nunha doazón de Fernando I e Sancha I ao bispado de Tui. Así é todo, o feito máis significado deste castelo viviuse en 1117, cando a raíña Urraca foi cercada polos exércitos do seu fillo, o rei galego Afonso VII e do conde de Traba, Pedro Froilaz, propietario do inmóbel, que no século XIV depende da Casa de Castro.

A edificación, aberta ao público, practicamente, todos os días do ano, conta cun espazo muesealizado referido aos personaxes ligados ao inmóbel así como unha senda de natureza nos seus predios.

O Castelo de Salvaterra, situado no concello de Salvaterra de Miño, na comarca do Condado, testemuña a loita entre Pedro Madruga e o arcebispo Fonseca, cabeza do partido castelán na Galiza durante a revolución do século XV. A fortaleza divídese nun espazo de 9.700 metros cadrados, onde se inclúe unha parte do recinto amurallado, a coñecida como a Casa do Conde, o denominado pazo da raíña Urraca e a ermida da virxe da Oliva.

O Castelo de Fornelos, situado no concello de Crecente, na comarca da Paradanta, é outra das edificacións asociadas a Pedro Madruga. O inmóbel, onde o señor de Soutomaior mantivo retido o bispo de Tui e o destacado partidario dos Reis Católicos, Diego de Muros, aparece documentado a mediados do século XII, como lugar de confronto entre Afonso VII e o seu curmán Afonso de Portugal. 

A fortaleza pasou nos séculos seguintes a mans dos señores de Fornelos, ligados familiarmente á familia dos Castro, o que explica que a titularidade do mesmo corresponda durante a segunda metade do século XIV a Alvar Pérez de Castro, irmán de Fernán, Xoana e Inés de Castro.

O remate desta viaxe atópase en Tui (Baixo Miño), a vella capital relixiosa do sur da Galiza, tan ligada a Pedro Madruga, que antes de pórse á cabeza da casa de Soutomaior exerceu de cóengo na súa catedral. Neste caso, recoméndase unha visita demorada ao interior da basílica, onde se localizan varias lápidas sepulcrais decoradas cos escudos dos Soutomaior, tanto ás existentes no claustro como ás da capela funeraria do bispo Xoán Fernández de Soutomaior (1395-1423). 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios