'30 castelos para descubrir un reino'

As torres de Oeste que deron protección a Catoira fronte ás invasións

O castelo de Oeste ou Torres de Oeste, restos dun propugnáculo medieval de sona nos nosos días pola celebración da festiva Romaría Vikinga, atópase no extremo noroccidental do concello de Catoira, na marxe esquerda do esteiro do Ulla, que desemboca na ría de Arousa, un lugar de tránsito co que estivo sempre vencellada a vella fortificación catoirá.
Vista panorámica das Torres do Oeste. (Foto: Gumersindo Mosteiro)
photo_camera Vista panorámica das Torres do Oeste. (Foto: Gumersindo Mosteiro)

Ocupa lugar na plataforma costeira do municipio, caracterizado por grandes pendentes que descenden do cumio do Xiabre. Historicamente sitúase no eixo entre a Terra de Iria, dominada pola vella sé episcopal, e a península do Salnés. O Territorium Saliniense estaba demarcado a principios do segundo milenio, ao norte polo Castellum Honesti e ao sur polo castelo de Cedofeita e o mosteiro de Lérez.

No lugar onde se construiría logo a fortaleza houbo un inicial asentamento castrexo de 0,35 hectáreas favorecido pola súa situación estratéxica, unha illa ribeirá do Ulla, que permitía controlar o tráfico fluvial e de mercadorías, cunha ocupación dende o século II a. C. Documentouse nas escavacións do ano 1989, dirixidas por J. L. Naveiro López. Tamén existe un petróglifo, composto por 26 coviñas. Lembremos que do leito do río Ulla se teñen recuperado varias espadas pertencentes ao anterior período cultural do Bronce Final. Na época altoimperial romana, no troco de Era, establécese un novo asentamento comercial. A presenza romana prolongaríase ata entrado o século V d. C., segundo se constatou nas diversas escavacións dirixidas por M. Chamoso Lamas, F. Pons Sorolla, A. Balil Illana etc.

A partir do século VIII a chegada de expedicións musulmás e normandas supoñen un problema para os enclaves ribeiráns, ligados á produción de sal e á pesca, e os escasos núcleos de poboación de doado acceso desde o mar, como a cidade episcopal de Iria. Os normandos buscaban, ademais das actividades de pirateo que se destacan, acordos cos potentados galegos, ofrecendo a súa capacidade militar como mercenarios e tamén asentamentos estables, onde desenvolver unha vida normalizada co seu entorno. A expedición do 858 que se interna na ría de Arousa, toma Iria e asedia Compostela será decisiva para que se busque a defensa da entrada do Ulla.

A primeira fortificación non impediría outra destas incursións devastadoras, a que capitaneou Gunderedo no 968, que asaltou Iria. A resposta das tropas do bispo Sisnando Mendes, morto na batalla de Fornelos o 29 de marzo dese ano, non impide o avance destrutor dos invasores durante dous anos. Outra incursión no 1015, a de Olaf Haraldson, remonta o Miño e destrúe Tui, acadando un gran botín, motivo principal para que Afonso V reforce o castelo de Oeste, demandando o traballo de moita xente do común en razón de dereito de vasalaxe.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios