'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

Torre de Figueiroa (Abegondo) e o tributo das cen doncelas

A torre de Figueiroa, último testemuño dunha fortaleza localizada na parroquia homónima do concello de Abegondo, conserva varias pedras armeiras e lendas antigas que lle outorgan o cualificativo de mítica e de ser predio dunha das familias máis antigas do reino da Galiza. Tanto é así que escritores clásicos galegos como Vasco da Ponte e cronistas casteláns ou doutros reinos quixeron ligar o seu pasado desta caste coa época altomedieval.

Conxunto monumental de Figueiroa  (Foto: Damián Porto Rico).
photo_camera Conxunto monumental de Figueiroa (Foto: Damián Porto Rico).

Abegondo posúe un moi rico patrimonio histórico artístico que se distribúe por 254 entidades de poboación e 19 parroquias. Estas últimas son as de Abegondo, Cabanas, Cerneda, Cos, Crendes, Cullergondo, Figueiroa, Folgoso, Leiro, Limiñón, Mabegondo, Meangos, Montouto, Orto, Presedo, Sarandós, Vilacova, Viós e Vizoño. A parte setentrional do municipio está delimitada polas concas dos ríos Barcés e Mero, que conforman un suave val de relevo pouco accidentado.

O río Gobia flúe pola zona central, e na meridional álzase a elevación montañosa máis relevante, o Castro Maior.

A altitude media fica nos 149 metros rexistrados en San Miguel de Figueiroa, freguesía que linda polo oeste con Santa María de Sarandós, ao leste con Santaia de Abegondo, ao sur con Santa Cristina do Montouto e ao norte con Santa Baia de Cañás (no concello de Carral).

 Figueiroa ten unicamente sete lugares: Damil de Abaixo e de Arriba, Erminde, Figueiroa Pequena, A Manga, A Nespreira, O Outeiro e A Praza, entidade de poboación esta última na que se localiza a torre da que imos tratar.

Nos seus 84 quilómetros cadrados, Abegondo conta con numerosos achados arqueolóxicos que van desde a época neolítica. Porén, no medievo radica a orixe de moitos dos seus pazos e torres, como desa época tamén é aquel mosteiro de Sarandós, documentado polo século XV, que debeu administrar un edificio asistencial localizado na súa contorna.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios