'30 castelos para descubrir un reino'

A torre da homenaxe de San Miguel das Penas, símbolo da Ulloa

A torre da homenaxe de San Miguel das Penas está situada na parroquia homónima, no concello de Monterroso, na aba sur da serra de Pol e nunha pequena chaira, rodeada de castiñeiros centenarios. É unha das fortalezas máis insignes da bisbarra da Ulloa, que pertenceu a un bo número de liñaxes nobiliarias galegas: Taboada, Noguerol, Ribadeneira, Conde, Amarante etc.
Fachada oeste da fortaleza. (Foto: Carlos Xesús Varela Aenlle)
photo_camera Fachada oeste da fortaleza. (Foto: Carlos Xesús Varela Aenlle)

O conxunto está moi preto da vila de Monterroso e o que albiscamos hoxe en día son os restos dunha fortaleza máis ampla, onde se engadiron moitos máis corpos que chegaron a configurar un pazo. Ao seu carón conserva unha igrexa románica. Tivo xurisdición propia que foi aumentando co tempo, especialmente coas herdanzas das diversas familias propietarias e coa axuda de varias monarquías e da Igrexa.

A Ulloa xa está citada no Códice Calixtino como un conxunto de “lugares montuosos”, solitarios, boscosos, escuros. O abade de Clairvaux, Claude de Bronseval, escribiu en 1532: “Despois de percorrer durante seis horas un camiño desagradábel entre montañas, sen cultivar, dimos cunha aldea...”.

Esta bisbarra presenta suaves serras, como a do Careón e do Farelo ao oeste, e os Montes da Vacaloura, a Serra de Ligonde e os Montes de San Simón, ao leste. Na parte fluvial destacan o Ulla, o Pambre e o Ferreira. É terra de pazos e casas grandes, propiedades de fidalgos, eixos dunha economía agraria e gandeira durante séculos, dominada polos señores e a igrexa.

Segundo o Dicionario de Pascual Madoz (1845-50), a parroquia de San Miguel das Penas pertence á diocese de Lugo, estando a corenta leguas desta cidade e no concello de Monterroso. Atópase na marxe esquerda do río Lavandelo, afluente do Ulla. O clima é temperado e san.

Comprende os lugares de Esteva e San Miguel, que reúnen corenta e oito casas, e non carecen de fontes de auga potábel. A igrexa parroquial, dedicada ao Santo Arcanxo, é matriz da de San Cibrao de Pol e parroquia de entrada e padroado lego.

O termo linda polo norte co río Lavandelo, ao leste cos montes e penedos de Ambarría, ao sur coa parroquia de Pol e ao oeste coa de Arada. O terreo era de mediana calidade e os seus montes tiñan poucas árbores.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios