'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

Torre de Celas de Peiro (Culleredo), un testemuño dunha historia descoñecida

Na bisbarra da Coruña, e máis concretamente nos termos municipais de Culleredo, persiste unha torre que vén ser o último testemuño arquitectónico dunha fortaleza da que se ignoran as súas orixes, malia sabermos que na segunda metade do S. XIV estaba erguida e habitada. Denominada Torre de Celas de Peiro, outrora foi coñecida tamén co nome de fortaleza de Val de Veiga. Este último –que lle procede da parroquia de San Silvestre de Veiga– serviu tamén para designar o couto xurisdicional homónimo.

Laterais noroeste e suroeste da torre de Celas  (Foto: Héitor Picallo).
photo_camera Laterais noroeste e suroeste da torre de Celas (Foto: Héitor Picallo).

A entidade de poboación na que se alza esta estrutura prismática é Celas de Peiro, que debeu ser un dos lugares máis importantes da freguesía homónima que se protexe baixo o patrocinio de Santa María.

Ademais desta e da de San Silvestre, Culleredo conta con nove parroquias máis, nomeadamente as de San Xián de Almeiras, Santiago do Burgo, Santiago de Castelo, Santo Estevo de Culleredo, San Pedro de Ledoño, San Salvador de Orro, Santa María de Rutis, San Martiño de Sésamo e Santo Estevo de Sueiro.

Nelas distribúense setenta e catro lugares, dos que forman parte da Celas de Peiro os que aquí se indican: Celas, A Ermida, A Gándara, O Monteiral, Peiro de Arriba, Rumbo, Ternande, Vinxeira Grande e Vinxeira Pequena.

O municipio fica na vertente sur da Ría do Burgo, polo que linda co Atlántico amais de facelo cos concellos da Coruña, Oleiros, Cambre, Carral, Cerceda, Arteixo e A Laracha. A elevación montañosa máis significativa é o monte Xalo, así como destacan os ríos Mero e Valiñas.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios