'30 castelos para descubrir un reino'

Tebra, en Tomiño: o castelo tomado por Pedro Madruga no Baixo Miño

A Torre de Tebra está situada a unha altitude de 100 metros sobre o nivel do mar dominando o vello camiño medieval que atravesaba o val de Tebra cara a Baiona. A case sete quilómetros do río Miño a torre vén sendo herdeira de vellas fortificacións fronteirizas polo seu control visual sobre o territorio raiano, mais tamén resulta ser testemuña do castelo construído por Pedro Madruga durante as guerras señoriais do século XV.
Torre de Tebra desde o leste, publicada en ‘Los Pazos Gallegos’ polo Marqués de Quintanar en 1928. Na foto apréciase o engadido barroco ao sur da torre, eliminado nos anos seguintes.
photo_camera Torre de Tebra desde o leste, publicada en ‘Los Pazos Gallegos’ polo Marqués de Quintanar en 1928. Na foto apréciase o engadido barroco ao sur da torre, eliminado nos anos seguintes.

O rico val de Tebra aparece na documentación desde o século XII repartido entre o mosteiro de Oia, diferentes nobres de Cerveira ou a Orde de San Xoán de Xerusalén. A xurisdición seica se mantivo en parte como reguengo ao longo da Idade Media, de aí a aparecer notarios do rei en Tebra e un tenente do castelo de Tebra. Os poucos datos dispoñibles semellan dar a entender que no século XII se formaría a Terra de Tebra como escisión da vella Terra de Taraes, cuxo castelo (hoxe descoñecido) dominaría boa parte do Baixo Miño.

O primeiro castelo de Tebra puido xurdir como necesidade de reforzar o territorio no proceso de consolidación da fronteira do Miño. Como sinalan Ávila y La Cueva e Garrido Rodríguez o primitivo castelo de Tebra estaría no lugar de Samuelle, no Outeiro da Cruz, a 242 metros de altitude controlando o val desde unha posición con boas defensas naturais. A guerra con Portugal entre os anos 1336 e 1338 puido ser a causa do seu deterioro, polo que os seus vasalos serían obrigados á súa reconstrución, incluídos os dos coutos do mosteiro de Oia. A reclamación da abadía cisterciense perante o rei tería os seus froitos no reinado de Pedro I, quen en 1351 eximiría os vasalos de Oia dos traballos de reconstrución do castelo.

No lugar do Outeiro debeu existir un pazo ou torre pertencente aos Cerveira, pois co mosteiro de Oia permutaron o señorío dos coutos de Tebra no século XIII: “a casa do Castillo segun como esta balada por fondo do outeiro que hera do dito couto”, segundo reza na documentación dun preito de 1603. Este feito debeu levar a Pedro Madruga a construír ou reedificar a torre en 1478 sobre os penedos dese lugar para controlar o val e o camiño a Baiona descartando o antigo castelo de Samuelle. Vasco da Ponte sinalaba na súa obra este feito: “Y levantó la fortaleça de Tebra, por afrontar a los de Bayona”. O castelo de Tebra obedecía á estratexia emprendida por Pedro Álvarez de Soutomaior de recobrar os seus vellos dominios logo de máis dun ano na cadea dos condes de Benavente. O Adiantado Maior de Galicia, Fernando de Acuña, rematada a guerra de sucesión á coroa de Castela obrigaría a Pedro Madruga a derrubar a fortaleza de Tebra en 1482.

Os Suárez de Deza teñen como orixe familiar os Turrichao ou Churrichao, unha das familias máis poderosas da Galicia medieval. No século XIV a desafortunada elección de bando político levaría á súa caída. Primeiro Afonso Eanes Turrichao resulta asasinado na Rocha Forte en 1320 por orde do arcebispo Berenguel de Landoria. En 1366 Fernán Eanes Turrichao, no bando de Pedro I de Castela, mata o arcebispo compostelán Sueiro Gómez. A caída en desgraza da familia sería aproveitada polos Ulloa e os Soutomaior, emparentados cos Turrichaos, para controlar un patrimonio que se estendía por boa parte de Galicia.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios