sábado 22.02.2020
Sabino Cuadra

"Os restos do franquismo esparexéronse por todas as institucións do Estado"

O ex deputado de Amaiur no Congreso Sabino Cuadra (Amurrio, Araba, 1949) visita estes días Galiza para presentar o seu libro '¡No os importe matar!', publicado pola editorial Txalaparta. Faino convidado por diferentes asociacións do ámbito da memoria histórica. Precisamente, é a memoria a que centra esta conversa con Nós Diario. 
Sabino Cuadra (Txalaparta)
Sabino Cuadra (Txalaparta)

¡No os importe matar! repasa a actuación da policía durante o 8 de xullo de 1978, en plenas festas de San Fermín en 1978. Que pasou aquel día?

Todo comezou cando unhas ducias de mozos de peñas exhibiron unha pancarta reclamando a amnistía para xente que estaba no cárcere. A partir dese momento orixinouse un pequeno balbordo e esa foi a escusa empregada pola policía para entrar alí en número de varias ducias, pelotas de goma, disparando con munición real, aporreando a todo o que se movía e incluso gaseando a praza, tal e como eu o vivín. Logo, na rúa, reprodúcense as cargas policiais e a consecuencia diso resulta morto por un disparo Germán Rodríguez, de 23 anos. Para facerse unha idea do que foi, segundo a propia policía disparáronse nun espazo dunhas seis horas máis de 4.000 pelotas de goma, 1.000 botes lacrimóxenos e outros tantos de gas, e 156 disparos de munición real, todo nunha pequena parte de Iruña.

Un auténtico escenario de guerra.

Totalmente. Alí disparouse a matar. Ao día seguinte do asasinato de Germán Rodríguez desde a emisora policial, e isto está gravado por un radioafeccionado, dicíase “disparad con todas as vosas enerxías, que non vos importe matar”, de aí o título da obra. E hai que, pese a que a policía nunca admitiu estar no sitio onde mataron Germán e incluso afirmaban non ter disparado en toda a noite, a realidade foi que se atoparon máis de 30 impactos de 9 milímetros Parabellum, as balas que empregaba a policía, a maior parte delas a unha altura entre 0,90 e 2,30 metros.

Tivo algún tipo de respaldo institucional á hora de desenvolver este proxecto?

É un libro completamente independente, aínda que si tivemos certo respaldo institucional cara ao noso grupo, a Asociación Sanfermines 78, en relación ás actividades que temos desenvolvido. O Concello de Iruña aprobou varias propostas que realizamos, en especial con motivo do 40 aniversario, no que tivo lugar un acto de recoñecemento institucional moi importante pola súa banda, e a instalación dunha escultura de dous metros e medio e dúas toneladas peso situada nun lugar moi céntrico que lembra a actuación criminal da policía.

Case máis que de apoios pode falarse de pequenos actos de reparación, mais ningún procedente do responsábel último, o Estado español. 

Exactamente. As institucións máis próximas á poboación de Iruña agredida naquelas festas de San Fermín si estiveron connosco, mais non as institucións responsábeis daquilo. A agresión foi incubada nos aparatos do Estado e materializada por aquela policía franquista que seguía existindo. E non tiveron nin o detalle de dirixirse aos familiares de Germán Rodríguez, nunca houbo ningún tipo de recoñecemento da súa responsabilidade por parte do Estado nos feitos, non tiveron nin un só lamento polo que alí aconteceu, nin con gobernos do PP nin do Partido Socialista

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

"Os restos do franquismo esparexéronse por todas as institucións do Estado"
comentarios