Os cadros sindicais e políticos convertéronse nas grandes vítimas da represión franquista

A represión no Val Miñor ao descuberto

Co pouso do tempo, o historiador Carlos Méixome reelaborou escritos sobre a “criminal persecución franquista” no Val Miñor, esbozados en momentos de intensa actividade memorialista. Deles bota man en ‘Catas da memoria’, o seu último libro, que vén de ver de a luz. 
A Falanxe da Ramallosa desfilando en Sabarís, no concello de Baiona. (Foto: Arquivo J. González)
photo_camera A Falanxe da Ramallosa desfilando en Sabarís, no concello de Baiona. (Foto: Arquivo J. González)

José Vázquez Grela exercía de mestre na escola de Nigrán desde 1931. Antigo emigrante en América, activista agrario nos tempos da Restauración, dirixente sindical das organizacións do maxisterio nos tempos republicanos e militante socialista, ficou na memoria popular como un home culto, entregado á súa profesión e comprometido coa causa dos máis desfavorecidos. Detido en 1934 pola súa participación nos sucesos revolucionarios de outubro, orador de referencia en moitos actos políticos durante o período republicano, apresouno, na súa escola o 12 de setembro de 1936, un grupo de fascistas dirixido polo tenente da Garda Civil Francisco Rodríguez 'O Rabioso', sendo asasinado ao pouco nas proximidades do centro educativo.

José Pérez Luís era un anarquista de Sabarís, en Baiona, curtido nas loitas obreiras na Arxentina. Coñecido polos seus camaradas como 'Saluto', pseudónimo empregado na prensa libertaria americana e polos seus veciños como 'Pepe de Inés', participou en 1924 na fundación do sindicato de condutores de Bos Aires e en 1928 veu ser o principal impulsor da posta en marcha dos famosos “colectivos”. Retornado á súa terra, mantivo intactos os seus compromisos libertarios, pasando por ser un dos cadros de relevo da Federación Anarquista Ibérica (FAI) en Val Miñor e impulsor dunha innovadora granxa coñecida como “O Esperanto” e do centro cultural Ferrer i Guardia. Pérez Luís, refuxiado desde finais de xullo de 1936, rematou asasinado a canda o seu irmán Luís o 13 de outubro. 

As historias de Vázquez Grela ou de Pérez Luís son algunhas que percorren a investigación de Carlos Méixome sobre a persecución franquista no Val Miñor. Catas da Memoria, o volume de Méixome publicado por Laiovento, é mais que un detallado percorrido pola historia da represión franquista nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. O libro achéganos aos conflitos sociais e políticos que marcaron o período republicano, ás grandes correntes ideolóxicas que deron corpo ás forzas sindicais e partidarias, ás lóxicas de poder e ás dificultades por superar o control que viñeron exercendo até practicamente a primavera de 1936 as vellas elites herdadas da Restauración. 

O franquismo empregouse na represión ao maxisterio. Carlos Méixome (Lalín, 1954) detense nas diversas tipoloxías represivas aplicadas polo novo réxime aos traballadores da ensinanza, exemplificadas, entre outros, nos caso de José Cribeiro, Benito Ramallo ou Victoriano Taibo. Este último, poeta en Morgadáns (Gondomar), fundador das Irmandades da Fala e nacionalista de primeira hora, foi acusado de “nacionalismo/separatismo ou galeguismo” e desterrado en 1938 a Villalar de los Comuneros, en Valladolid.

Segundo sinala Méixome, seguindo a Morente Valero “se no expediente a acusación de nacionalismo/separatismo se consideraba probada, a sanción mínima sobre o interesado era o traslado fóra da rexión”.

As grandes loitas obreiras marcaron o escenario político nos días da II República. Sen ir máis lonxe, os mariñeiros de Baiona, organizados no poderoso Sindicato de Industrias Pesqueiras da Confederación Nacional do Traballo, presidido polo militante da Federación Anarquista Ibérica, José Villafines, irmán do alcalde libertario deste concello, Agustín, atopábanse embarcados nunha dura folga nos días previos ao levantamento franquista e mesmo tentaron pór en marcha unha breve experiencia de comunismo libertario. Outro tanto acontecía en Gondomar co sector das panadarías, organizadas, neste caso, na UXT e que libraban unha folga en defensa da mellora das súa situación laboral.

Os cadros sindicais e políticos remataron por converterse nas grandes vítimas da represión franquista. Unha represión onde xogaron un papel chave as forzas da Garda Civil, auxiliadas polas milicias falanxistas e onde se significou o grupo desta organización da Ramallosa, no concello de Nigrán, onde destacaron os liderados de persoas como Gerardo González Fernández, o temíbel 'Fandiño', ou Julio Roade Niel. Carlos Méixome non eludiu pór nome aos vitimarios, como demostrou nas súas achegas ao coleccionábel Os nomes do terror de Nós Diario, e nesta investigación volveu botar luz sobre as figuras de recoñecidos represores como o cabo da Garda Civil de Baiona Manuel González Pena e outros números deste corpo como Florencio Márquez, Ángel Rúa ou Eduardo Gutiérrez. 

Comentarios