sábado 23/01/21
Os nomes do terror

Carlos Meixome: “Só en Tui, até abril de 1939, hai 128 demócratas asasinados”

Carlos Meixome Quinteiro (Lalín, 1954) leva moitos anos a voltas coa memoria. Primeiro estudando as vítimas e agora investigando aos verdugos. Tres cabaleiros españois e unha consideración previa. A persecución franquista no Baixo Miño é a súa achega ao coleccionábel dos vitimarios Os nomes do Terror.
Carlos  Méixome
Carlos Méixome

A Guarda, tomada o 28 de xullo, e Tui, conquistada o 26, foron das últimas localidades galegas en caer en mans dos franquistas, na súa opinión a que respondeu esa capacidade de resistencia?

Hai varias razón que o explican. Primeiro que aínda que o bando de declaración de guerra se le en Vigo contra o mediodía do 20 de xullo e mesmo se fai unha carnizaría na Porta do Sol, a resistencia na cidade continuou nos Choróns e Lavadores co apoio de xentes da Louriña e Baixo Miño, o que tivo ocupado o groso das tropas da cidade. En segundo lugar, as forzas da Fronte Popular estaban ben organizadas e responderon con rapidez, tanto porque contemplaron dende moito antes a posibilidade do golpe como pola rede comarcal tecida polos cenetistas e os agrarios da Federación Provincial Agraria que empataban cos galeguistas. Houbo, mesmo, unha tentativa de coordinación da resistencia a nivel intercomarcal: o dirixente anarquista Pepe Villafines e outros levaron unha camioneta chea de peixe a Tui e trouxérona cargada de fariña que non había en Baiona. O Val de Miñor caeu en mans dos sublevados o 25. En terceiro lugar as forzas armadas leais, carabineiros e a dotación do cabo Fradera, dirixiron, e efectuaron, a resistencia na chamada batalla do Cerquido ou da Volta da Moura. Logo pagaron coa vida. Finalmente, unha vez caído Tui, houbo intentos de cortar o acceso á Guarda voando as pontes de Baredo, na estrada de Baiona, e Forcadela, na de Tui.

Adoitase afirmar que o terror foi proporcional ao nivel de organización social do bloque democrático e sobre todo á resistencia aos golpistas, cal foi logo o alcance da represión nas terras do Baixo Miño?

Mentres que en moitos lugares os castigos e asasinatos céntranse en dirixentes sindicais ou cargos políticos, no caso de Tui a causa que instrúe o capitán Maximino Méndez, a quen citamos na nosa colaboración, vai dirixida contra as clases medias tudenses, contra persoas de relevo social e económico, como os médicos Alejo Diz Jurado e Dario Álvarez Limeses, o construtor Serafín Fernández e o seu fillo Julio, o comerciante Domínguez León ou o director da oficina de correos, JoséFelipe Muñoz. No caso da Guarda chega co exemplo do alcalde Brasilino Álvarez, un abastado propietario que lle respondeu aos militares “os pobos non se toman por telefono” e agardou a chegada da heteroxénea tropa de Buhigas para entregarlle o mando do concello. Logo fusilarano, ao igual que os tudense que citamos e os mandos de carabineiros e do cabo Fradera. Só no rexistro civil de Tui, até abril de 1939, hai 128 entradas de asasinados, mortos en “enfrontamentos coa forza” ou fusilados.

Significa no seu traballo o papel chave dos militares na liquidación do réxime republicano no Baixo Miño e a súa función central no operativo represivo cunha especial referencia ao capitán Peñarredonda, primeiro alcalde franquista de Tui, que destacaría do mesmo?

O golpe planéano, ordénano e execútano os militares, que son tamén os que controlan a limpeza da retagarda,directamente ou a través da garda civil, que é un corpo militar. Coido que o militarismo franquista foi tan habilmente perverso que conseguiu alterar a memoria da persecución convertendo en malvados os falanxistas, que o eran, pero sempre interviñan supervisados polo militares, mentres que a actuación do exército convertérona en necesaria para poñer orde. E a mesma perversión da memoria que se fixo co de “nada fixera”, “foi por envexas”ou “por amoríos”

No caso do Baixo Miño está ben claro, quen dirixe a represión é o futuro tenente coronel Peñarredonda, o capitán Méndez, o tenente Buhigas, o capitán da garda civil Teresa ou o capitán Eduardo Rodríguez. Algúns deles africanistas por experiencia e formación e todos admiradores do militarismo prusiano, do heroísmo grandilocuente e da disciplina enfermiza que agochan perversións elitistas e antihumanas.

Repara no seu traballo no labor represivo das milicias falanxistas, cuxa actuación xa foi sinalada nos libro de memorias de Darío Álvarez Blázquez, Juan Noia ou Josefina García Segret, cal foi o seu papel no conglomerado do terror?

As memorias de Darío Álvarez Blázquez están soltas en artigos de prensa e algunha revista publicados en 1976 ou nos primeiros meses de 1977. É unha pena que aínda non se reunisen nun volume, nin se homenaxease a unha das primeiras persoas que foi quen de poñer negro sobre branco os seus recordos da represión en Tui. O libro de Segret e Noia son posteriores. O de Josefina é unha edición de 1982 que pagou do seu peto e tivo pouca difusión. As memorias de Noia publicáronse en 1996, dezaoito anos despois de aprobarse a constitución, a edición venezolana de 1976 circulou case clandestinamente e chegou a moi pouca xente. 

Das súas memorias desprendese o labor dos falanxistas ou cívicos locais como denunciadores, perseguidores, acusadores, torturadores e asasinos, pero sempre ás ordes ou co consentimento do mando militar.

Sendo Tui sé episcopal e polo tanto unha cidade cun importante peso da Igrexa, cal vai ser o papel das xerarquías eclesiásticas e do clero no seu conxunto na trama represiva?

Quizais a palabra que mellor a pode describir sería “cinismo”. Evidentemente Tui era unha cidade moi mediatizada pola igrexa: bispo, cóengos, profesores do seminario e uns 200 seminaristas, ademais dos curas das parroquias. Até o centro da resistencia republicana estableceuse no seminario que estaba baleiro polas vacacións. 

A proba do seu cinismo está nos seus propios papeis. Na Crónica Diocesana, publicada no Boletín Oficial do Bispado para o período entre o 18 de xullo e o remate do ano, faise un pormenorizado relato do acontecido nos días de dominio dos rojos, isto é entre o 18 e o 26 de xullo. Di o folleto: “Hai que proclámalo ben alto. Deus Noso Señor protexeu Tui y su Diocese (...)” e librouna de “todo abuso antirrelixioso de importancia. Nin un sacerdote o relixioso o relixiosa o seminarista morto ou ferido Aínda así, Arrarás, o historiador oficial do franquismo, armou un escándalo derredor do rexistro na parroquial de Budiño onde o cura recibiu os que pretendían rexistrala na procura de armas, que sabían que tiña,a perdigonazos e feriu un deles. Sáez de Tejada ilustrou a Historia de la Cruzada Española cunha terrorífica bacanal dos  rojos.

Sabemos ben que non foi a intercesión divina senón a actitude dos carabineiros leais á República, do panadeiro Gumersindo, líder da CNT, dos dirixentes democráticos aos que logo lle furtaron a vida no alto do Aloia ou en San Domingos. Disto non fala a Crónica Diocesana.Antonio García García, bispo dende pouco antes da proclamación da República e protagonista de graves tensións co goberno municipal, agradeceu a Deus a súa protección e esqueceuse dos seus protectores reais, aos que non dubidou en condenar cos decisivos informes dos seus párrocos.

comentarios