Ensino

O proxecto educativo Semente gaba os 100 anos da Escola de Ensino Galego

A Escola de Ensino Galego funcionou do ano académico 1924 ao 1930. Por ela pasaron mestres como Ângelo Casal e Manuel Luís Acunha, que exercerían un maxisterio caracterizado polas ideas institucionistas e escolanovistas divulgadas polo ilustre filósofo e psicólogo Vicente Viqueira.
Santiago Quiroga, coordenador nacional das Escolas de Ensino Galego Semente; Mário Maceiras, representante da Semente Corunha) e Mercedes Queixas, concelleira da Coruña e deputada no Parlamento. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Santiago Quiroga, coordenador nacional das Escolas de Ensino Galego Semente; Mário Maceiras, representante da Semente Corunha), e Mercedes Queixas, concelleira da Coruña e deputada no Parlamento. (Foto: Nós Diario).

"O emprendemento educativo das Irmandades da Fala representa a capacidade do pobo galego para defender a lingua e a cultura propias no ensino nun momento histórico en que estas estaban prohibidas pola ditadura primorriverista". Con estas palabras o proxecto educativo Semente gaba e alenta o recoñecemento e posta en valor da Escola de Ensino Galego con motivo do seu centenario.

Esta sexta feira deu a coñecer no Concello da Coruña os detalles da programación que impulsa co apoio doutras dez entidades sociais, educativas e cultuais da cidade:  A.C. Alexandre Bóveda, Associaçom de Estudos Galegos, Associaçom Galega da Lingua, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, Centro Social Gomes Gaioso, Centro Social O Facho, Fundación Galiza Sempre, Local Social Acunhas e Foucelhas, Nova Escola Galega e Refuxios da Memoria.

Semente promove a instalación dunha placa conmemorativa na primeira sede da escola fundada polas Irmandades da Fala no marco dun proxecto memorialístico que reivindica como "necesidade" nun contexto de perda de falantes de galego e de constatación do "efecto desgaleguizador da escola pública" na infancia e na adolescencia, que confirman informe tanto da real Academia Galega como o Mapa Sociolingüístico escolar de Ames.

"No actual contexto educativo desgaleguizador, as Escolas de Ensino Galego Semente consideran que a celebración do centenario deste proxecto educativo é fulcral non só para coñecer a capacidade do movemento irmandiño para formular o programa educativo máis avanzado do primeiro terzo do S. XX e levalo á práctica, senón para actualizar o papel da autoxestión educativa no presente e construír colectivamente un futuro caracterizado por valores ligados a unha educación humanística, igualitaria, inclusiva, laica e autocentrada", salientan.

É por iso que o conxunto do proxecto educativo Semente fai un chamamento a participar nunha homenaxe pública o próximo 23 de abril, a partir das 11 horas, durante a cal se instalará unha placa conmemorativa no número 17 da praza de María Pita, actual sede da Fundación Paideia e primeiro local da Escola de Ensino Galego.

Sede orixinal da Escola de Ensino Galego. (Foto: Nós Diario).
Primeiro local da Escola de Ensino Galego, na praza de María Pita. (Foto: Nós Diario).

O evento, avanzan, será presentado por Xurxo Souto e contará con paseos didácticos dramatizados polos Quinquilláns e por Séchu Sende, así como coa participación do coro Cántigas da Terra, que interpretará a Foliada da Coruña xunto ao alumnado dos seis centros educativos da Semente.

Esta sexta feira Santiago Quiroga, coordenador nacional das Escolas de Ensino Galego Semente, e Mário Maceiras, representante da Semente Coruña, deron a coñecer á concelleira da Coruña e deputada do BNG Mercedes Queixas os detalles desta programación, unha iniciativa que nos próximos días achegará, tamén, ao resto de partidos políticos con representación no Concello da Coruña.

As Escolas de Ensino Galego Semente buscan apoio social e institucional ao seu proxecto, que xa conta coa aprobación do académico Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación da USC, quen considera que "é preciso facer un recoñecemento de memoria e de agradecemento cara a esta iniciativa educativa [Escola de Ensino Galego] e das persoas que impulsaron e sustentaron este facho xeneroso de porvir, que a cidade da Coruña, sen dubidalo, aprecia".

Un agradecemento referido a figuras como Ângelo Casal, Elvira Bao, Leandro Carré ou Maria Miramontes, entre outrous irmandiños, que procuraban "coidar da educación dos que veñan para cimentar a Galiza do porvir". A Escola de Ensino Galego funcionou do ano académico 1924 ao 1930. Por ela pasaron mestres como Ângelo Casal e Manuel Luís Acunha, que exercerían un maxisterio caracterizado polas ideas institucionistas e escolanovistas divulgadas polo ilustre filósofo e psicólogo Vicente Viqueira.

Así, fronte a un ensino memorístico, adoutrinador e dogmático, propúñase unha educación guiada polo coñecemento científico, o pensamento libre e o desenvolvemento integral da infancia como gabanza de progreso social, cultural e económico.

Este centro educativo recibiría a visita de referentes culturais e políticos de primeira orde como Vilar Ponte, Lesta Meis, Daniel R. Castelao, Outeiro Pedraio ou Soares Picalho, entre outros. A experiencia acabaría co inicio da década de trinta, ao se desprazaren Ângelo Casal e Maria Miramontes a Compostela para instituíren alí a Editora Nós. No entanto "a súa memoria vive no seu proxecto epígono: a Escola de Ensino Galego Semente, que continúa a traballar para tornar posíbel o vello soño irmandiño da Escola Nacional Galega", afirman.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios