Presentación da monografía de Sermos esta quinta feira

As mulleres de Foz que se rebelaron contra a fame da gripe

A libraría Bahía de Foz acolle esta quinta feira, ás oito e media do serán, a presentación de Rebeldía galega contra a inxustiza. O volume colectivo, editado por Sermos Galiza e coordinado Xosé Ramón Ermida Meilán, repasa os levantamentos populares nos anos da Restauración. Inclúe, escrito polo propio Ermida, un artigo sobre a rebelión das mulleres focegas en 1918. Organiza a presentación a asociación cultural A Pomba do Arco.
 

Foto Foz. 1918
photo_camera Imaxe de Foz en 1918.

Aquel tempo estivo marcado na Mariña pola brutal epidemia de gripe que rematou coa vida de 122 veciños en Foz e cunha vaga de fame motivada pola subida de prezos nos artigos de primeira necesidade. O ensaio de Ermida analiza e contextualiza a considerada como última grande peste da historia mundial, chegada a Galiza en novembro de 1918.

Segundo sinala o autor, a mortandade da epidemia viuse favorecida pola falla de medios sanitarios e pola fame, problema que se arrastraba desde finais de 1917. A carestía do trigo por mor da súa exportación aos países europeos participantes na I Guerra Mundial explicaba en parte a situación.

As traballadoras das conserveiras de Foz encabezaron as primeiras protestas en febreiro de 1918. Ante a ausencia de solucións, producíronse na vila repetidos asaltos contra os almacéns de grao, “fenómeno extensíbel ao conxunto de Galiza”.

Como resultado das grandes mobilizacións producidas en Foz, creouse a Sociedade de Socorros Mutuos, unha entidade mutualista que abranxía máis de 500 persoas e que ofreceu até comezos dos cincuenta servizos médicos ou medicinas gratuítas.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios