'30 castelos para descubrir un reino'

A orixe do Castelo de Monterrei e a tríade que forma co Támega e o Larouco

Para a xente que vivimos á vista de Monterrei, este lugar supón máis do que unhas simples palabras poderían definir. É o noso horizonte, un campo de xogos, un faro e un espírito sempre presente, sempre vixiando dende as alturas o Alto Támega... É imposible fuxir da súa mirada monumental e pétrea pero, ao mesmo tempo, consegue atraer indefectiblemente a todos nós, tarde ou cedo, a tocar as súas pedras, a buscar tesouros perdidos e a observar o solpor no Monte-Deus Larouco. Esta tríade insólita do río Támega, o castelo de Monterrei e o monte Larouco marca e determina o devir do ser humano por estas terras dende hai moito tempo.
Vista panorámica do castelo de Monterrei en 1967. (Foto: Arquivo de Galicia)
photo_camera Vista panorámica do castelo de Monterrei en 1967. (Foto: Arquivo de Galicia)

Antes de nos mergullar no miolo do asunto, habería que diferenciar os diversos elementos da acrópole e o castelo. As murallas pertencen aos Ministerios de Defensa e Facenda, ademais do cuartel militar situado ao carón da Torre da Homenaxe. É do Bispado de Ourense tanto a igrexa como a reitoral; o pazo e as dúas torres pertencen á Casa de Alba, pero están cedidos durante 99 anos á Xunta de Galicia, quen o cedeu de xeito gratuíto á empresa semipública de Paradores de España para á súa explotación como hotel. Por último, os restos do convento dos franciscanos coa súa finca son da Deputación de Ourense.

Por conseguinte, tema controvertido é clarificar o aspecto da visitabilidade. Pódese acceder practicamente a toda a acrópole, é dicir, a poboa de Monterrei, pero non así ao castelo. Como a poboación da bisbarra se rebelou contra a decisión de converter un espazo cedido á administración pública nun hotel, cando este abriu, era posible visitar todas as partes do castelo que non fosen habitacións e lugares de traballo como cociña e outras polo estilo; pero ao pouco comezaron as restricións, como por exemplo nas loxas do sur e leste, nas adegas –transformadas en comedor–, na reitoral e, finalmente, na Torre das Damas. Hogano pódense visitar os dous patios de armas, un dos salóns do baixo, a igrexa e a Torre da Homenaxe.

No plano xeolóxico, o outeiro do castelo é unha illa granítica rodeada por un val e un macizo de xisto, restos dun arcaico dique que hai millóns de anos freaba a auga do Támega e formaba un gran lago ata que ese esmoreceu e deu paso a un val amplo que illou o outeiro ata, xa que logo, convertelo na quilla dun navío tectónico, condenado eternamente a navegar por riba das néboas do val.

A profunda depresión do Alto Támega é un tallo fondo entre altas montañas que se foi enchendo do sedimento provocado pola erosión das mesmas, coma se os altos se quixesen achegar aos baixos a un ritmo xeolóxico máis aló da comprensión fugaz dos seres humanos. O río, cuxa partícula “tam-” é tan antiga que se perde na noite dos tempos, é o creador de Monterrei e de toda a súa contorna, coa inestimable axuda do río Búbal, que abre o ben chamado Val de Monterrei. Este é coma un bandullo que lle sae ao Val do Támega e que confire unha personalidade especial a esta terra, ademais de fornecer de chans fértiles a un espazo limitado e, por demais, estreito. Non é ata chegar a Oímbra que se abre de novo o val cara a Chaves, a verdadeira capital do Alto Támega, tanto histórica como espiritual.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios