O PP 'dorme' a Lei de Memoria histórica

Cinco anos despois da súa aprobación aínda hai moitos dos seus artigos que non se cumpren. O novo executivo no Estado español e na Galiza esqueceron as vítimas e as asociacións que traballan por recuperaren a dignidade que se lles negou.
Homenaxe ás vítimas da represión franquista
photo_camera Homenaxe ás vítimas da represión franquista


En 2007 o Estado español asinaba a Convención de Nacións Unidas contra a Desaparición Forzada. Comprometíase, daquela, a garantir o dereito a coñecer a verdade de toda vítima que padece a desaparición doutra. Pouco despois o Congreso d@s deputad@s aprobaba a denominada Lei de Memoria Histórica. O texto, polémico e rexeitado por moitos colectivos, non procuraba a verdade senón a reparación para coas vítimas e os seus familiares. Aínda así non chegou a se aplicar na súa totalidade e hoxe, co PP nos gobernos do Estado español e Galiza, quedou esquecido por completo. Non hai moito, en campaña electoral, o propio Alberte Núñez Feijóo aseguraba que continuaría coa axudas á investigación “excepto coa memoria histórica”. Saber o que pasou e recuperar a dignidade das vítimas e os seus familiares segue sendo recoñecer un pasado incómodo para a dereita deste país.

O texto

A denominada “Lei de Memoria Histórica” comezou a se redactar en 2004 cun anteproxecto que tivo varias alteracións en pouco tempo. A proposta final quedou nun Preámbulo, vinte e dous artigos, oito disposicións adicionais, unha derrogatoria e dúas finais. Comeza, desde o propio Preámbulo, recoñecendo o dereito á “reparación” do dano causado. Fala de “indemnizacións e axudas” das “vítimas de conflitos pasados” coa ampliación ás vítimas falecidas entre 1968 e 1977 “na defensa da democracia”.

Noutro apartado inclúe unha serie de disposicións para a recuperación dos restos das vítimas procedentes de foxas comúns e por último trátase a eliminación de símbolos materiais conmemorativos da guerra civil e a ditadura franquista, aínda que só afecta ao patrimonio do estado.    

Saber o que pasou e recuperar a dignidade das vítimas e os seus familiares segue sendo recoñecer un pasado incómodo para a dereita deste país.

Foxas e símbolos

A Lei aprobada polo Congreso d@s deputad@s o 31 de outubro de 2007 asegura que o estado axudará á localización, identificación e exhumación das vítimas da represión franquista. Nos anos posteriores destináronse axudas a asociacións e particulares para este fin. Sobre a simboloxía franquista, ademais de non obrigar a retirar aquela que non  sexa de propiedade estatal, reduce o seu ámbito ao considerar que non se aplicará “cando concorran razóns artísticas, arquitectónicas, ou artístico-relixiosas protexidas pola lei.

Un dos maiores símbolos do franquismo, o Val dos caídos, manterá segundo a Lei as normas de calquera lugar de culto relixioso e non poderá celebrar actos políticos. Esta mesma semana o propio goberno español obviou este aspecto e concedeu permiso para que se celebre nese recinto unha concentración de Falanxe Española.

As asociacións e familiares que xestionaban a recuperación de vítimas do franquismo deixaron de recibir os orzamentos previstos por esta Lei e tampouco acceden a axudas proxectos de investigación, como o de “Nomes e Voces” na Galiza, quedaron sen recursos. Colectivos como o da Comisión pola Recuperación da memoria Histórica da Coruña exixen a retirada de simboloxía franquista e a devolución do Pazo de Meirás, “roubado pola familia Franco e que aínda están a desfrutar gratis os seus descendentes”.

Unha Lei insuficiente

Para @s investigador@s deste período da nosa historia esta lei quedou moi lonxe das espectativas xeradas. “A lei é claramente insuficiente, o máis importante nunha lei sobre ese tipo de pasado onde houbo persecución, asasinatos, era anular os xuízos e non o fixo”. Lourenzo Fernández Prieto,  catedrático de Historia Contemporánea na USC e director do Proxecto “Nomes e Voces”, afirma que cando se fixo a Lei “Non se entrou neste asunto, aínda que eses xuízos eran ilexítimos e ilegais e empregáronse para amparar o golpe de estado”. Da mesma opinión é outro investigador, Dionisio Pereira, que aínda vai máis alá e pensa que “O cerne era a Lei de Amnistía e foi escurecido por motivos partidistas”. Hoxe a Lei de Memoria Histórica dorme nalgún caixón do ministerio. “O PP non a modificou mais deixou que quedase no esquecemento, nunca se opuxo de xeito frontal”. E tal como observamos a situación cinco anos despois da súa aprobación a estratexia continuará. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios