Obituario

Falece aos 85 anos Xosé Soto, 'Pepiño da Gaita', destacado militante da UPG e o antifranquismo desde a clandestinidade

Na década de 1960 levou as reivindicacións do nacionalismo galego a diferentes personalidades como os daquela dirixentes da República española no exilio, Luis Jiménez de Asua e Claudio Sánchez-Albornoz.

De pé, de esquerda a dereita, Xosé Soto 'Pepiño da Gaita', Mari, Carmela Arbones, Xabier Pousa, Bautista Álvarez, Anita, Manolo Conde, Natalia Escrigt 'Cuqui', Camilo Vázquez, Carme Graña, Ben-Cho-Shey,María Rábago e Sabela Pita. Sentados, Carlos Vázquez, Lois Diéguez, Raimundo Patiño, Vicente Vázquez Diéguez, Pilar Allegue e Fernando Campos.
photo_camera De pé, de esquerda a dereita, Xosé Soto 'Pepiño da Gaita', Mari, Carmela Arbones, Xabier Pousa, Bautista Álvarez, Anita, Manolo Conde, Natalia Escrigt 'Cuqui', Camilo Vázquez, Carme Graña, Ben-Cho-Shey,María Rábago e Sabela Pita. Sentados, Carlos Vázquez, Lois Diéguez, Raimundo Patiño, Vicente Vázquez Diéguez, Pilar Allegue e Fernando Campos.

O empresario, escritor e político Xosé Soto Rodríguez, nado en Arxeriz, na parroquia de Fión (O Saviñao, Terra de Lemos), en 1938 e coñecido tamén polos alcumes Xosé de Arxeriz e Pepiño da Gaita, faleceu este domingo en Madrid aos 85 anos de idade, segundo vén de coñecer Nós Diario da man de persoas próximas a Soto. Durante a última etapa da ditadura franquista foi un destacado militante da Unión do Povo Galego (UPG) e do antifranquismo desde a clandestinidade.

Desde que marchou a Madrid colaborou activamente co grupo Brais Pinto, un colectivo de carácter galeguista formado por intelectuais, artistas e escritores galegos que loitaban contra o antifranquismo e defendían os dereitos da lingua galega e unha renovación da cultura do país. Tamén participou no Seminario da Cultura Galega do Clube de Amigos da Unesco de Madrid.

Na década de 1960 levou as reivindicacións do nacionalismo galego a diferentes personalidades públicas e políticas do antifranquismo, como o daquela presidente da República española no exilio, Luis Jiménez de Asua; o presidente do Consello de Ministros exiliado, Claudio Sánchez-Albornoz, ou a viúva de Daniel Castelao, Virxinia Pereira, a través de senllas entrevistas.

O histórico dirixente da UPG Bautista Álvarez, finado en 2017, recolle na súa obra póstuma Teseo loitando contra o Minotauro (Terra e Tempo, 2023) diferentes episodios da clandestinidade política referidos a Xosé Soto, como a súa detención no marco do estado de excepción decretado polo réxime de Franco en 1969 e posterior desterro dun ano á Arca do Pino. Posteriormente formou parte do equipo de Enrique Tierno Galván no seu Partido Socialista Popular (PSP), máis tarde integrado no PSOE.

En 1996 creou a Fundación Xosé Soto de Fión, entidade que pretendía asegurar os labores de restauración do pazo de Arxeriz, "en proceso de ruína desde 1950", e tres anos despois recibe en propiedade o conxunto de Arxeriz ao completo, por entrega que lle fai o presidente-fundador en concepto de doazón. Antes, entre 1993 e 1996, utilizara os terreos para instalar unha escola-obradoiro.

A Fundación Xosé Soto de Fión leva a iniciativa de Arxeriz como referente na recuperación do patrimonio histórico-artístico, etnográfico e natural. E alí impulsou o Ecomuseo Pazo de Arxeriz, que forma parte da Rede Museística da Galiza desde 2008.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios