Montse Fajardo recibe o Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual

Fajardo recibiu o recoñecemento polo seu traballo de investigación O patronato franquista: un inferno para as mulleres aínda descoñecido.
Fajardo, xunto á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, membros da corporación municipal e do xurado do Premio Xohana Torres.
photo_camera Fajardo, xunto á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, membros da corporación municipal e do xurado do Premio Xohana Torres.

A xornalista e escritora Montse Fajardo resultou ser a gañadora do Premio Xohana Torres 2023, un galardón que distingue ao mellor ensaio, investigación ou creación audiovisual que, desde unha perspectiva feminista, aborda o papel das mulleres na sociedade galega. Fajardo, colaboradora de Nós Diario, recibiu o recoñecemento polo seu traballo de investigación O patronato franquista: un inferno para as mulleres aínda descoñecido.

"Estou moi contenta, especialmente vendo as persoas que constitúen o xurado, nomes moi recoñecidos na memoria histórica con perspectiva de xénero", declara Fajardo a Nós Diario. "Mais sobre todo espero que o premio sirva para dar a coñecer o que significou o Patronato, a extrema crueldade coa que actuaba baixo a aparencia dun organismo benéfico".

Un inferno para as mulleres

O Patronato de Protección a la Mujer foi unha institución pública de reformatorios da España franquista, encadrada no Ministerio de Justicia que teoricamente, tiña como obxectivos a dignificación moral das mozas das que se facía cargo –sempre menores de 25 anos– para que non as explotasen, o seu afastamento do vicio e a súa educación de acordo coa relixión católica. Porén, ese propósito traduciuse na eliminación de calquera mostra de liberdade ou de decisión sobre o corpo das mulleres que ingresaban alí.

"Abría as portas do inferno a calquera moza cuxo comportamento se afastase da moral imposta polo franquismo", explica Fajardo. "Manter un comportamento tan indecoroso como bicar con paixón un mozo, podería ser constitutivo de ingreso nas institucións do Patronato".

Unha vez acollidas pola institución, estas mulleres pasaban por un auténtico calvario de humillacións, agresións físicas e mesmo sexuais da man dos seus titores, que agachaban o seu delito sinalando o suposto pecado feminino. A institución, ademais, estivo relacionada coas tramas de roubo de bebés, xa que unha das causas polas que podía ingresar unha muller nova era a de quedar embarazada sen estar casada.

A coartada da beneficencia fixo que a verdade sobre esta institución tardase moito en saír a luz e, de feito, sorprende o silencio deitado sobre ela.

"Precisamente por esa imaxe de institución benéfica escapou ao escrutinio das historiadoras. Mesmo xente moi comprometida coa memoria histórica ignoraba a magnitude do que sucedía alí. Espero que este premio sirva para difundir e para afondar no seu estudo", remata Fajardo. 

 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios