Moncho Reboiras será homenaxeado 48 anos após o seu asasinato

Na madrugada do 12 de agosto de 1975 foi asasinada a que foi a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza, o militante da Unión do Povo Galego (UPG) Moncho Reboiras. Con 25 anos de idade sufriu múltiples disparos a mans da Policía que lle provocaron a morte e este sábado, tamén 12 de agosto, a UPG e outras entidades nacionalistas renderán tributo a Reboiras.
Homenaxe da UPG a Moncho Reboiras, o ano pasado, na rúa da Terra en Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Homenaxe da UPG a Moncho Reboiras, o ano pasado, na rúa da Terra en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

A Fundación Moncho Reboiras, que preside Xesús Seixo, homenaxeará o histórico dirixente nacionalista no cemiterio de Imo (Dodro, comarca do Sar), onde repousan os seus restos mortais. E como cada ano, desde hai xa 48, a UPG conmemorará a  figura de Reboiras con diferentes actos.

Este sábado, dirixentes e militantes da UPG desprazaranse ao cemiterio de Imo, onde terá lugar unha ofrenda floral para posteriormente dar paso ás intervencións de Xoán Bautista Mariño, portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Dodro e Manel Casal, secretario nacional de organización da UPG. Despois será o momento dun encontro popular na localidade de Fene (Ferrolterra) que será seguido por unha conferencia a cargo de Xesús Seixo, que levará por nome 'A OTAN, ferramenta do imperialismo'.

Os actos da UPG do día 12 finalizarán na cidade de Ferrol. Ás 19 horas haberá unha concentración na ferrolá Praza de Armas que dará paso a unha camiñada cara á rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras. Alí, o portavoz do BNG en Ferrol, Iván Ribas, fará unha intervención política. 

Finalmente, ás 19.30, no Cantón da cidade terán lugar as intervencións políticas  a cargo de Mercedes Tobío, do secretariado Político da UPG; Paulo Alonso, do secretariado da Unión da Mocidade Galega (UMG), organización xuvenil da UPG; e Néstor Rego, secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso.

Un día antes, o 11 de agosto, darán comezo as xornadas de formación Moncho Reboiras, organizadas pola UMG. Será a oitava edición destas xornadas e contarán con diversos coloquios entre os que se encontran o titulado 'Achegamento ao pensamento marxista' que será impartido por Duarte Correa, ou 'A importancia das organizacións de masas', impartido por Xabier Pérez Igrexas.

Movemento Arredista

Pola súa parte, o Movemento Arredista tamén honrará este sábado a figura de Xosé Ramón Reboiras Noia cunha homenaxe no cemiterio de Imo ás 13 horas. Nela falarán tamén Xoán Bautista, así como Nazaré Estévez, integrante da Mesa Nacional de Isca! (organización xuvenil do Movemento Arredista) e David Soto, concelleiro do BNG na Coruña. O tributo a Reboiras finalizará cun recital de poesía a cargo de Álex López e coa música de Alba María.

Agora Galiza e o PCRG

A organización política Agora Galiza tamén levará a cabo unha homenaxe no mesmo lugar, Imo, ás 11 horas baixo o lema 'Insumo para construírmos o partido comunista revolucionário galego'.

O Partido Comunista pola República Galega (PCRG) levará a cabo pola súa parte unha homenaxe popular a Moncho Reboiras que terá lugar na Praza do Mercado do barrio vigués de Teis onde Reboiras medrou. A devandita homenaxe decorrerá baixo o lema 'Moncho, espello de militantes'.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios