Ex alcalde de Corcubión

Rafael Mouzo: “Tiven moitos atrancos para pórlle a rúa a Reboiras, mais importoume un carallo”

O Concello de Dodro vén de inaugurar unha rúa dedicada a Moncho Reboiras. Un acto que, para o tenente de alcalde e portavoz do BNG no concello, Xoán Bautista Mariña, representa “un exercicio de democracia”. Porén, infelizmente, é aínda a terceira vila da Galiza que homenaxea o militante nacionalista co nome dunha vía. Nos anos oitenta, Culleredo e Corcubión dedicaron cadansúa rúa a Reboiras. Rafael Mouzo, daquela alcalde en Corcubión, lembra para Nós Diario como impulsou a distinción ao destacado referente nacionalista que foi asasinado a tiros pola Policía franquista o 12 de agosto de 1975.

Inauguración da rúa dedicada a Reboiras en Corcubión. Intervén Bautista Álvarez e á súa dereita atópase Rafael Mouzo (Imaxe: Xan Carballa)
photo_camera Inauguración da rúa dedicada a Reboiras en Corcubión. Intervén Bautista Álvarez e á súa dereita atópase Rafael Mouzo (Imaxe: Xan Carballa)

“O asasinato de Reboiras fora noticia en todo o país. Eu sabía del pola xente da UPG. Sabía que era un loitador, e tiven moitos atrancos para poder pórlle á rúa, mais importoume un carallo”. Así lembra Rafael Mouzo, daquela alcalde nacionalista de Corcubión, cando o Concello aprobou dedicarlle a rúa a Moncho Reboiras.

“Tiña maioría absoluta e por iso puiden facelo”, explica Mouzo, quen recibiu, por honrar a figura de Reboiras, “ameazas e insultos, artigos e pintadas nas que se nos acusaba de terroristas, pero todo iso caíame moi lonxe”. Quen difamaba era “xente da extrema dereita”.

O principal recordo que ten daquel 12 de agosto de 1982 en que decorreu a inauguración da rúa é da señora Mercedes Xoubanova, “o acto [co que se ilustra esta información] fíxose ao lado dunha leira fechada cunha parede alta, e unha veciña dunha familia de esquerdas, que foi represaliada en 1936, chantou unha escaleira na súa leira, e subiu, aos seus 85 anos, para poder ver a través daquel muro alto. Cando cantamos o Himno Nacional, tivo todo o tempo o puño levantado. É o que máis lembro”.

"A rúa a Reboiras foi un acto de recoñecemento e reparación a un loitador pola liberdade e polo socialismo"

Mouzo cualifica a rúa a Reboiras como “un acto de recoñecemento e reparación a un loitador pola liberdade e polo socialismo”. A acollida por parte da veciñanza foi “moi boa”. “Pensa que acababamos de entrar na política ‘democrática’, así, entre aspas, e que tiñamos maioría absoluta. O de Corcubión sempre foi un pobo de esquerdas, e así o demostrou cando tivo liberdade para votar”, reivindica.

Malia “todas as que fixeron aquí os fascistas, con múltiples pintadas, nunca se atreveron a tocar a placa de Reboiras, ninguén se atrevía a facelo”. “Cando o 23-F, eu tiven un falanxista na porta de diante da casa e outro na porta de atrás, entraron con cadeas e fixeron pintadas, pero a placa de Moncho nunca a pintaron”, di.

Tan só tres rúas dedicadas a Reboiras

Mouzo cre que non existen máis rúas dedicadas a Reboiras porque “maioritariamente, nos concellos mandan os outros dous partidos”, en alusión a PP e PSOE, “e nós [BNG] temos Alcaldías, mais ás veces nin en maioría absoluta, dependes doutras forzas e así é difícil levar a cabo unha iniciativa así, pois PP e PSOE consideran Reboiras algo máis que un patriota revolucionario”. “Sabes a consideración que del teñen, cando en verdade Reboiras debería estar nos rueiros de todos os Concellos do país”, engade, “a consciencia e a historia contouse como se contou e, en parte, aínda se segue a contar deturpada”.

"Reboiras debería estar nos rueiros de todo o país"

“En Dodro [a Alcaldía é do PSOE, que goberna con Unidade Veciñal e co BNG] hai xente nova, como noutros concellos, e como ocorreu co PP alí, aínda que non acepten unha rúa dedicada a Reboiras, abstéñense e deixan facer, mais se isto pasa hai 30 anos, sairían con puñais”, sinala Mouzo.

En 2009, o Goberno español recoñeceu oficialmente Reboiras como vítima da ditadura, cun certificado emitido polo Ministerio de Xustiza, en base á Lei da memoria histórica. “Si, fíxose unha reparación, mais non se creou consciencia, porque xa sabes ao servizo de quen está a prensa exceptuando medios como Nós Diario”, advirte o daquela alcalde de Corcubión. “Os medios sempre o taparon todo e estas cuestións relativas á memoria e ao nacionalismo están moi ocultas. Non se lle dá publicidade a un home que deu a súa vida pola liberdade e polo socialismo, pois é algo contrario ao pensamento deles”.

“A miña neta sabe quen era Moncho Reboiras, e mesmo o meu neto, que ten 11, empeza a sabelo e eu ocupeime na escola de que todos soubesen que era”, afirma Mouzo en referencia á súa etapa como docente. “Sempre falei con liberdade, sen medo ningún”, di.

Mouzo cre que Reboiras visitou Corcubión en 1974, un ano antes de ser asasinado, “non estou seguro, mais penso que estivo na antiga fábrica de Carburos Metálicos”.

A primeira rúa a Reboiras, en Culleredo

Culleredo foi o primeiro concello da Galiza en dedicarlle unha rúa a Reboiras. Foi a iniciativa do daquela concelleiro nacionalista Ramón Valcarce, máis coñecido como cura das Encrobas, no inicio da década dos oitenta.

Precisamente, Moncho Valcarce visitaba con asiduidade Corcubión. Lémbrao Mouzo, “tiña moita relación con el porque a súa irmá estaba casada aquí”. Coñecéranse en Baldaio (Carballo) en 1977, cando a manifestación pacífica contra a extracción masiva de area para a construción, que impedía faenar as traballadoras e traballadores do mar, foi duramente reprimida pola Garda Civil, que acabou detendo o crego.

Valcarce tamén forma parte do rueiro da vila costeira, “no piso onde vivía a súa irmá, puxémoslle unha rúa”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios