O mestre de Flariz queimado e asasinado polos fascistas en 1936 será homenaxeado na Gudiña

A asociación cultural Os Torgueiros da Gudiña homenaxeará o domingo 20 de agosto a  Xosé Luís Bouzas e Anunciación Casado vítimas da represión franquista nas Frieiras. A recuperación da súa loita e do seu martirio desenvolverase no marco dunhas xornadas pola memoria cunha ampla programación.

Bouzas
photo_camera Xosé Luís Bouzas, mestre de Flariz, queimado e asasinado polos fascistas na Gudiña en 1936. (Foto: Xosé Luís Quintana Bouza).

Xosé Luís Bouzas Fernández (Allariz, 1906-A Gudiña, 1936) foi vítima dun dos máis crueis crimes cometidos polos paramilitares de dereita da comarca de Monterrei. Mestre na escola de Flariz, no concello de Monterrei, foi sacado da aula e, posteriormente, queimado e asasinado no lugar da Poula do Martiño, na parroquia de Pentes, no municipio da Gudiña, o 1 de setembro de 1936.

Bouzas, alumno de Vicente Risco na Escola Normal de Ourense, colaborador do xornal nacionalista ourensán Heraldo de Galicia, animador de actividades culturais e deportivas en Allariz, afiliado da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO) e secretario do Partido Galeguista en Monterrei milita desde a súa morte na lexión dos mártires anónimos.

O asasinato de Bouzas foi recollido en diversas publicacións de carácter divulgativo e literario. O médico e investigador, David Simón, ten escrito que “unha historia que sempre nos impresionou -porque a puidemos oír de viva voz dun dos familiares- é a do mestre Xosé Luís Bouzas asasinado nos primeiros días da Guerra. Era natural de Allariz, pero estaba naquelas datas traballando como mestre na localidade de Flariz (Monterrei)".

O asasinato de Anuncia Casado

Anuncia Casado Atanes (Cualedro 1897, Viana do Bolo 1936), coñecida popularmente entre a súa veciñanza como “A Pasionaria”, foi unha militante comunista cuxa morte especialmente cruel a elevou a categoría de símbolo. Formada politicamente na emigración en Euskadi, onde ficou viúva, no período republicano residiu en San Mamede (Viana do Bolo) cos seus catro fillos, desenvolvéndose como labrega con terras de seu.

A loita política da “Pasionaria” de Viana ficou na memoria das xentes da súa comarca. Neste sentido, actuou como responsábel do Partido Comunista nesas terras e destacou como organizadora e axitadora na loita dos labregos e dos obreiros  dos camiños de ferro na Gudiña. Precisamente, os operarios desta zona destacaron pola súa capacidade de loita e pola súa resistencia ao fascismo após 18 de xullo de 1936.

O franquismo desenvolveu toda unha cacería para rematar coa vida  de Anuncia. Unha represión a sangue e lume que privou a toda a súa familia dos bens, estivo a piques de rematar coa vida do seu fillo maior de 16 e acabou coa súa execución en 21 de agosto de 1936. Segundo sinalou o historiador Dionisio Pereira “foi vítima dunha autentica cacería por parte dos falanxistas de Verín. No seu poder foi mallada, violada, asasinada e paseada nun carro para que a xente soubera do seu escarmento”.

A guerrilla nas Frieiras

As homenaxes a Bouza e Casado enmárcanse nun amplo programa de actos a desenvolver na Gudiña entre 19 e 20 de agosto. Precisamente, estes comezarán cunha palestra a cargo do historiador Dionisio Pereira e do etnógrafo Xosé Rodríguez Cruz, que recuperarán a historia da primeira guerrilla antifranquista na comarca das Frieiras.

Pereira e Cruz apuntan que “o fronteirizo e montesío territorio arraiano das Frieiras e do norte transmontano, posibilitou a aparición xa dende os inicios da Guerra Civil española dunha teimuda resistencia armada, que se mantivo até despois da IIª Guerra Mundial e intercambiou retagardas durante anos cos grupos guerrilleiros refuxiados no territorio liberado de Casaio”.

A secretaria da asociación Os Torgueiros, Cristina Fernández,  sinala a Nós Diario que os actos completaranse cunha “palestra de  Xosé Lois Santiago e o arqueólogo Xurxo Ayán, que achegaran os resultados das súas investigacións sobre a represión en Campobecerros e Castrelo do Val e unha actuación musical  Columna Vegana, e o’Leo de Matamá”.

Fernández explica que as xornadas responden ao obxectivo de “dar a coñecer a etapa máis escura da nosa historia. É de relevancia que, nos tempos que corren, se lle dea voz ás persoas que foron humilladas e asasinadas polo fascismo nesta comarca, unha comarca que foi das máis reprimidas na Galiza. Entender o que ocorreu e coñecer as vítimas e vitimarios é un exercicio de esencial aprendizaxe para a sociedade”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios