A Gudiña e Viana homenaxean a Anuncia Casado

O 21 de agosto de 1936 era asasinada no lugar de Revendeitas, Anuncia Casado “A Pasionaria” de Viana. Militante comunista e dirixente social, o seu martirio polos fascistas continúa vivo na memoria popular. O 20 de agosto será homenaxeada pola asociación cultural Os Torgueiros da Gudiña.

A Gudiña
photo_camera A Gudiña durante a década de 1930 a 1940. (Foto:Arquivo David Simón).

O próximo 20 de agosto as terras de Viana e da Gudiña acollerán un acto de homenaxe a Anuncia Casado. A xornada arrancará as 18:30 no lugar de Reverdeitas, no concello de Viana do Bolo, e continuará no cemiterio do Castro dese mesmo municipio, onde foron depositados os restos de Anuncia Casado, tras recuperalos os veciños dunha fosa onde a enterraran os seus asasinos. O acto fecharase as 19:30 na Casa da Viúva da Gudiña, domicilio natal do último alcalde republicano da localidade, Felicísimo Pérez, cunha palestra onde intervirán os investigadores Dionisio Pereira, David Simón e Lola Varela.

Os Torgueiros

A secretaria da  asociación cultural Os Torgueiros da Gudiña, Cristina Fernández, sinala a Nós Diario que o obxectivo da homenaxe “é dignificar a memoria das vítimas e coñecer a súa historia”. Nesta liña, lembra que un dos obxectivos da entidade, fundada a finais dos anos setenta e cunha longa actividade na súa traxectoria, é recuperar a  historia da Gudiña e adianta novos actos de lembranza ás vítimas do franquismo .

Fernández comenta a intención do colectivo de recuperar a memoria do último alcalde republicano da localidade, Felicísimo Pérez, que tras fuxir da ditadura para salvar a vida e verse confinado nos campos de concentración  franceses, tentou volver a Galiza no marco dunha operativo do Partido Galeguista e dos servizos secretos para franceses para activar a loita guerrilleira no país.

A loita da “Pasionaria” de Viana

Anuncia Casado Atanes (Cualedro 1897, Viana do Bolo), coñecida popularmente entre a súa veciñanza como “A Pasionaria”, foi unha militante comunista cuxa morte, especialmente, cruel a elevou a categoría de símbolo. Formada politicamente na emigración en Euskadi, onde ficou viúva, no período republicano residiu en San Mamede (Viana do Bolo) cos seus catro fillos, desenvolvéndose como labrega con terras de seu.

A loita política da “Pasionaria” de Viana ficou na memoria das xentes da súa comarca. Neste sentido, actuou como responsábel do Partido Comunista nesas terras e destacou como organizadora e axitadora na loita dos labregos e dos obreiros  dos camiños de ferro na Gudiña. Precisamente, os operarios desta zona destacaron pola súa capacidade de loita e pola súa resistencia ao fascismo após 18 de xullo de 1936.

O asasinato de Anuncia

O franquismo desenvolveu toda unha cacería para rematar coa vida  Anuncia. Unha represión a sangue e lume que privou a toda a súa familia dos bens, estivo a piques de rematar coa vida do seu fillo maior de 16 e acabou coa súa execución en 21 de agosto de 1936. Segundo sinalou o historiador Dionisio Pereira “foi vítima dunha autentica cacería por parte dos falanxistas de Verín. No seu poder foi mallada, violada, asasinada e paseada nun carro para que a xente soubera do seu escarmento”.

O crime cometido contra Anuncia Casado respondeu a todas as características da represión sexuada.O profesor da Universidade de Vigo, Xulio Prada, considera que a “represión sexuada sería o exercicio dunha violencia sobre as mulleres polo mero feito de selo”. Neste sentido, “incluiría, por conseguinte, todo ataque material e simbólico que afecta a súa liberdade, dignidade, seguridade, intimidade e integridade moral ou física. Pero non cabe esquecer que se trata dunha violencia que ten lugar nunhas coordenadas sociohistóricas específicas”.

Comentarios