Anuncia Casado, un símbolo da represión franquista contra as mulleres

Anuncia Casado, coñecida como 'A Pasionaria' de Viana do Bolo, será homenaxeada este sábado nun acto organizado pola Asociación Cultural Os Torgueiros da Gudiña. Dionisio Pereira, investigador e participante na homenaxe, sinala a 'Nós Diario' que 'A Pasionaria' é "un símbolo da invisibilidade da represión contra as mulleres”.
Monumento ás vítimas da represión franquista. (Foto: Concello de Redondela)
photo_camera Monumento ás vítimas da represión franquista. (Foto: Concello de Redondela)

Nesta semana en que se conmemorou o Día da Galiza Mártir leváronse a cabo diversas homenaxes ás persoas represaliadas polos franquistas. Porén, aínda quedan moitas historias sen divulgar, especialmente arredor das mulleres. Unha desas historias é a de Anuncia Casado Atanes, máis coñecida como 'A Pasionaria'. Este sábado recórdase a súa figura nun acto de homenaxe no que participan os investigadores Dionisio Pereira e David Simón e a investigadora Lola Varela. O acto desenvolverase nas terras de Viana do Bolo e da Gudiña, onde o exército franquista asasinou a Anuncia Casado hai 86 anos.

Anuncia Casado, pertencente a unha familia humilde, emigrou xunto co seu marido e os seus catro fillos ao Euskadi, onde se vinculou en gran medida co Partido Comunista.

Coa morte do seu home, 'A Pasionaria' retornou á Galiza, concretamente á zona de Viana do Bolo, para traballar nas terras que herdara da súa familia. Daquela, Casado non abandonou o seu compromiso político e social. De feito, organizou numerosas loitas para protestar polas precarias condicións que sufrían os traballadores do tecido de ferrocarrís que se estaba a construír entre Zamora e Ourense, e reivindicou os dereitos dos labregos da zona.

Lola Varela, unha das participantes no acto que decorrerá esta tarde, comenta que “era unha auténtica líder sindical”. Varela explica que nas eleccións da Fronte Popular durante a II República, Anuncia Casado xa se distinguía como unha muller con facilidade para a palabra e das poucas que participaba en mitins políticos. Responsábel do Partido Comunista na zona de Ourense, chegou a ser unha figura moi importante na época.

'A Pasionaria' tamén enfrontou o cura da zona, quen elaboraba escritos "amañados para aproveitarse da xente do lugar", a maioría analfabeta, e quedar el coas terras. “A campaña de desprestixio que levou a cabo contra o cura xerou unha inimizade enorme”, explica Varela. Todas estas cuestión provocaron que, co golpe de Estado, Anuncia Casado resultase un obxectivo claro co que o exército franquista quería rematar.

A morte da 'Pasionaria'

Co comezo da guerra, Casado fuxiu, pero atopárona perto da Gudiña. O 21 de agosto de 1936, 'A Pasionaria' foi torturada, violada, ultraxada e, finalmente, asasinada polo exército franquista nas Revendeitas (Viana do Bolo). “Ao ser unha muller que saíu do seu papel, pois non era unha ama de casa calada e submisa, cebáronse con ela”, apunta Varela a este xornal.

Despois de violala de maneira colectiva e de mutilárenlle os peitos, fusilárona e despois, xa morta, paseárona en carro polas vilas da zona. Posteriormente, os gardas franquistas fixeron unha fogueira e queimaron todo o que tiña na casa diante dos seus catro fillos, que tamén foron detidos. "Resulta fundamental coñecer a represión das mulleres, invisible e dobremente silenciada",  indica Pereira. Non hai rastros documentais porque o tipo de represión que sufrían as mulleres estaba moi vinculada á violencia sexual, polo que anima a todas as persoas investigadoras e historiadoras a rachar con esa invisibilidade desde os seus campos.

A homenaxe

Esta é a primeira vez que se falará publicamente da figura de Anuncia Casado. O acto comeza ás 18.30h en Revendeitas (Viana do Bolo) e continuará no cemiterio de Castro, onde repousan os restos de Anuncia Casado grazas á veciñanza que atopou a foxa onde os asasinos a soterraran.

O evento pretende reivindicar a figura da 'Pasionaria' de Viana mais tamén visibilizar a dobre represión que sufriron as mulleres, por antifascistas e por mulleres. No acto tamén se abordarán outras figuras relevantes pois, como comenta Pereira, cómpre realizar unha “homenaxe a todas as persoas represaliadas que non tiveron un recoñecemento público”.

Comentarios