Dez anos da exhumación do comandante Moreno e o Batallón Galicia

A memoria libertaria na Fonsagrada

"Aos que saíron e nunca puideron volver á casa" é a idea que sostén o monumento á memoria do Batallón 19 Galicia no peirao de Oza, na Coruña. Inaugurarase esta sexta feira con música e a poesía de Cesáreo Sánchez Iglesias, Olga Patiño, Lois Alcayde e Francisco Fernandez Naval. Asistirá a familia do lendario comandante Moreno. Ao día seguinte, na Fonsagrada, continuarán os actos polo 80 cabodano do asasinato de 14 milicianos.

_MG_5765
photo_camera Imaxe do Porto do Acevo, na Fonsagrada. Foto: cedida

"É que eu non quero dicir que fuxían, saían loitar pola liberdade", explica a activista Carmen García-Rodeja, da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), e unha das impulsoras, hai agora dez anos, da exhumación dos cadáveres na montaña do Acevo. Mortos a mans de falanxistas da zona -a raia entre Galiza e Asturias, no concello da Fonsagrada-, os 14 membros do Batallón Galicia marcharan do porto da Coruña en xaneiro de 1937 en dirección a Asturias. Navegaban en La Libertaria.

Maiormente anarquistas, á caída do frente de Asturias no outono daquel fatídico 1937, moitos daqueles soldados defensores da legalidade republicana intentaron regresar a Galiza. Catorce deles bateron no Acevo con patrullas fascistas. Aínda que Moreno, José Moreno Torres, e algún outro conseguiron escapar, foron finalmente apresados. E liquidados. Soterráronos nunha foxa común nos montes do lugar.

Pero en 2007, como consecuencia do impresionante e daquela emerxente movemento pola recuperación da memoria histórica popular, a verdade impúxose. Os cadáveres de José Moreno Torres, Luis Rafael Villar Sánchez, Maximino Martínez Fernández, Odilo Masid Masid, Jaime Machicado Llorente, Manuel Bugallo Lois, Manuel Ramos Escariz, Jesús Martínez Castro e Emilio Novás Nay, foron exhumados e identificados por forenses. Dous anos despois recibían sepultura e honores no cemiterio da Fonsagrada.

"Aquela exhumación serviu para revivir unha memoria popular que aínda estaba viva na Fonsagrada", relata o historiador Eliseo Fernández, experto no movemento libertario e presente naqueles días, "a través do Romance do Comandante Moreno". Non poucos veciños sabíana de memoria. Ao contrario que na Coruña, de onde saíra o barco La Libertaria e onde a memoria "era nula". "Foi importante conectar aquelas memorias rotas", engade, "e ao mesmo tempo rescatar a historia real do que acontecera, que estaba no limbro".

Os dez anos transcorridos non foron en balde. Dous documentais, encontros de familiares e veciños, unha obra de teatro, recuperaron "unha memoria nova do que sucedera, máis axustada á realidade". Segundo Fernández, este traballo conxunto contra o esquecemento resultou "en certa medida exemplar" e traspasou fronteiras: da Fonsagrada e A Coruña a Asturias e mesmo Francia.

Esta fin de semana, activistas, investigadores e artistas celebran unha década desde que se fixo xustiza e oito dos feitos do Acevo. Amais do monumento do peirao de Oza, na Coruña, o sábado 30 de setembro haberá unha "homenaxe poético musical" que comezará de mañá na foxa común, onde se colocarán pedras nun milladoiro, lerán poemas Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo ou Moisés Cima e Modesto Arias achegará música. Unha ofrenda floral no cemiterio da Fonsagrada completará as actividades antes do xantar.

Pola tarde, o acto central, conducido pola cantante Pilocha, ofrecerá versos de Antón Lopo, Xulio López Valcarce e Carmen Blanco, e músicas de Jose Luis Yepes, Montserrat Canas, Carmen Torreiro, Carmen Penim, Maurizio Polsinelli e Cesar Fernandez de Leituego. Familiares, antropólogos e médicos forenses, voluntarios pola memoria histórica, a veciñanza, arqueólogos ou historiadores tamén farán parte do tributo.

Comentarios