María Abelleira, investigadora: "Podían traballar toda a súa vida cosendo que ao final non lles constaba para nada"

A investigadora María Abelleira é coordinadora de proxectos da Cooperativa Galega MaOs Innovación Social e participa no proxecto ‘Memoria das mulleres’, do concello de Pontevedra. Xunto a Óscar Senra realizou un traballo de campo para recuperar as vivencias das costureiras que viven nas parroquias de Mourente, Lérez e Santa María de Xeve. Un adianto de toda a información é a publicación do 'Léxico de costureiras' que recolle o vocabulario deste oficio tradicionalmente invisibilizado. 
A investigadora María Abelleira da Cooperativa Galega MaOs Innovación Social (Pilar Abades).
photo_camera A investigadora María Abelleira da Cooperativa Galega MaOs Innovación Social (Pilar Abades).

Como se desenvolveu o seu traballo no proxecto ‘Memoria das mulleres’?

Forma parte dunha proposta do concello de Pontevedra que naceu en decembro de 2013, dentro da área de Patrimonio histórico, que busca crear un arquivo do que foi a vida das mulleres no municipio. Baséase en tres piares básicos: as mulleres traballadoras, as creadoras e as pioneiras, e as represaliadas e resistentes. Todo o traballo que realizamos pódese consultar a través da páxina web que fixemos co enderezo dogrisaovioleta.gal. Nela podes atopar biografías de mulleres, unha sección de publicación e, ademais, difúndense as actividades que realizamos.

Nós, no proxecto, desenvolvemos o apartado das traballadoras, centrándonos na zona do rural, nas súas parroquias. A idea non foi pensada nun principio por oficios, foi xurdindo. O acceso ás informantes non foi doado mais lográmolo grazas á colaboración das asociacións veciñais e aos obradoiros da memoria.

En todo caso os oficios apareceron, non?

Apareceron. Foi o caso das muiñeiras, augardenteiras, mariscadoras e leiteiras. Cun eixe temático fixemos ‘As mulleres en loita’, sobre os conflitos nos que había memoria viva no municipio.

Que dificultades atopou para realizar este proxecto?    

Hai moita xente maior e algunha información pérdese. A media de idade era de 70 anos e a maior parte xa deixara de traballar nese ámbito. Oficios e maneiras de entender a vida que non se reproducen agora, houbo un cambio xeracional. Aínda así hai moito por facer. O traballo sobre as costureiras é un exemplo diso. O actual contexto de pandemia complicounos aínda máis poder acceder a estas mulleres. Nós tivemos moita sorte de contar con entidades veciñais que nos botaron unha man.

Debería estenderse o proxecto a toda Galiza?    

Sen dúbida. Falta moito por contar da memoria das mulleres. Non se coñece como era a súa realidade.

Que froitos deu o 'Léxico de costureiras'?   

Foi toda unha sorpresa descubrir ese mundo. O léxico foi algo así como un traballo moi difícil polo específico que é. Algunhas palabras eran, para elas, moi normais e para nós non. Unha parte do vocabulario estaba castelanizado e tentamos adaptalo, explicando cal era a palabra recollida. Un exemplo atopámolo en 'ganduxar', que é coñecida, mais sempre empregaban 'hilvanar'.  

Descubriu tamén como era ese mundo das costureiras?  

Foi outra das intencións que tiña o proxectos, non quedarnos no apartado filolóxico. Na recollida de campo, ademais das explicacións que elas nos daban tamén se introduciron usos e traballos derivados. Soubemos de tipos de tecidos segundo para que momento se empregara, se para traballar ou para un día especial. 

Contaban que non tiñan vida laboral, a maior parte delas traballaba na súa casa. Era a súa profesión, aprendían de nenas nos obradoiros de costura con outra muller que lles explicaba. Logo cosían na casa a partir de encargos que lles facían persoas particulares.

Tamén había quen traballaban para un xastre, sempre home, e estaban consideradas como ‘axudantas’. Era como unha actividade máis sen ningún tipo de recoñecemento. Podían traballar toda a súa vida cosendo que ao final non lles constaba para nada. Vestían a toda a xente, tiñan un papel importante e non queda máis que o que elas nos contaron. Antes non mercabas a roupa nunha tenda como agora. 

Comentarios