Fíos fóra, unha historia de costureiras e patróns

O documentario presentarase no mes de novembro na Coruña, Pontevedra, Ourense e Compostela. Entrevistas "corais" que poñen o foco nas condicións de traballo no sector do téxtil.

cartel_fios_foraweb_398

Mentres Forbes dá a coñecer o patrimonio de Amancio Ortega situándoo como o home máis rico do mundo con 71.800 millóns de euros --unha cifra próxima ao PIB de Ecuador en 2014 (75.645 millóns de euros) e superior ao de Chipre (17.506 M.€)-- a realidade das persoas que traballaron ou traballan para o imperio téxtil de Inditex é ben distinta. E non só. Outras transnacionais do sector partillan co grupo Zara a deslocación das manufacturas através de subcontratas nas que @s operari@s traballan durante horas en condicións ilegais. (No nº34 do semanario en papel publicamos unha ampla reportaxe recollendo os testemuños de varias empregadas). 

Arredor desta idea a ONG Amarante Setem e o proxecto audiovisual Illa Bufarda realizou o documentario Fíos fóra no que retratar "a evolución do sector téxtil na Galiza" e "a situación na que se atopa agora" marcada pola "deslocación", sinalan en conversa con Semos Galiza as súas autoras, Sabela e Adriana (Illa Bufarda)

Trátase dun proxecto enmarcado na campaña Roupa limpa (CleanClothesCampaing). Unha coligazón de ONGs, centrais sindicais, organización de consumidoras, de dereitos humanos,... presente en 16 países europeos que traballa en rede con 200 organizacións e sindicatos dos países produtores do sector téxtil para garantir que se respecten os dereitos fundamentais das traballadoras. 

Operarias aos 11 anos

Neste senso, Fíos fóra achega os testemuños daquelas "mulleres que comezaron a coser con 11 anos por volta dos anos '70 e outras que o fixeron co boom de Inditex". Através de "entrevistas corais", relatan as historias de Leonila Sánchez, ex-socia dunha cooperativa téxtil de Présaras; Sabina Otero operaria de Regojo desde os 11 anos; María Graña, Angustia Bouza, María Santos e Pura Rodríguez. Mais tamén a de M. S. e C. operarias e ex-traballadoras de Inditex en Arteixo que preferiron manterse no anonimato para facer parte do documentario. 

"Sorprendeunos o difícil que foi atopar mulleres que quixesen falar na contorna de A Coruña e Arteixo", aseguran desde Illa Bufarda ao tempo que sinalan o "receo" e o "medo" que "aínda existe hoxe". 

"Sorprendeunos o difícil que foi atopar mulleres que quixesen falar na contorna de A Coruña e Arteixo"

"Hai que entender que se trata dun contexto distinto", apuntan Sabela e Adriana en relación aos testemuños das costureiras nos que xustifican as condicións de traballo nas que se atopaban. "Penso que foi unha persoa moi emprendedora, aínda que estafara algo", di Leonila Sánchez en relación ao patrón da industria téxtil para a que traballaba (Inditex). "Dá traballo por todos os lados e a moita xente", acrenta nun dos vídeos lanzados para a promoción do documentario. "É mellor vivir con algo que sen nada". 

As operarias presentan, en moitos casos, "todo isto como se lles fixesen un favor a elas que eran do rural e ao tempo que cosían podían traballar desde casa coidando dos fillos e dos animais", explican desde Illa Bufarda após a relación estabelecida con elas durante o "contacto previo" ás entrevistas. Porén, "foron usadas" polas transnacionais en beneficio dos seus propios intereses "non eran donas do seu", acrecentan, embora constituírense en cooperativas moitas veces impulsadas polo cura da parroquia, como aconteceu co pai Jorge, en Arzúa. 

Illa Bufarda e Amarante afondan noutras perspectivas da man de empresarios e institucións do sector

Sen desfacermos de todo o novelo que tecen no documentaro, Illa Bufarda e Amarante afondan noutras perspectivas da man de empresarios e institucións que están a desenvolver "políticas que definen como internacionalización mais que nos concibimos como externalización" da produción. Javier Cañás, fundador de Caramelo; Alberto Rocha, secretario xeral do Clúster galego do sector téxtil; Jesús Iglesias, co-propietario do taller de confección Rosa Neira e Abel Veiga, director de internacionalización do IGAPE, presentan a súa propia ollada do que está a acontecer coa industria da roupa na Galiza actualmente. 

Marrocos

Voces que contrastan coas de Fatima Lamah Presidenta de Atawassoul (Asociación de mulleres obreiras do téxtil da cidade de Tánxer) ou Mohamed Amgar, cortador nun taller téxtil marroquí para diversas marcas. "O rapaz conta que só teñen unha hora para ir ao WC" mentres as transnacionais "non teñen escrúpulos para ter os traballadores así", sinalan desde Illa Bufarda. "Só procuran producir onde a man de obra sexa barata para logo vender nos países ricos". 

Como fío deste novelo tamén atopamos á profesora titular de Xeografía Humana da USC, Montserrat Villarino, que achega unha "perspectiva social e de xénero" ao relato. 

O documentario será presentado no Centro Ágora da Coruña o 12 de novembro e, posteriormente, en Pontevedra (13 de novembro), Ourense (18 de novembro) e en Cineuropa (Compostela). 

Comentarios