Manuel Monge, encarcerado en Basauri con Nicolás Redondo: "Daquel clima represivo non se fala porque detrás estaba o 'Camarada Fraga'"

O sociólogo conversa con 'Nós Diario' con motivo do pasamento, esta mesma cuarta feira, do histórico líder de UGT Nicolás Redondo Urbieta, con quen compartiu estadía na prisión de Basauri en 1968 xunto a, entre outros, o pintor Agustín Ibarrola. Monge considera imprescindíbel que se dea a coñecer a "biografía silenciada e secuestrada" do que daquela, cando facía parte do Consello de Ministros de Franco, era coñecido como o 'Camarada Fraga'.
Manuel Monge (dereita) xunto ao pintor vasco Agustín Ibarrola (esquerda), na Coruña, en 2005.Na imaxe está buscando a súa firma no tambor que regalaba a comuna aos presos cando saian do cárcere, xa que ambos os dous coincidiron no de Basauri.
photo_camera Manuel Monge (dereita) xunto ao pintor vasco Agustín Ibarrola (esquerda), na Coruña, en 2005.Na imaxe está buscando a súa firma no tambor que regalaba a comuna aos presos cando saian do cárcere, xa que ambos os dous coincidiron no de Basauri. (Foto: M. Monge)

Polo cárcere de Basauri (Bizkaia) pasaron nas catro décadas que durou a 'longa noite de pedra' do franquismo, que diría Celso Emilio Ferreiro, centos de persoas que non cometeran delito ningún... Excepto a ollos dun réxime que podía aprisionarte polo mero feito de levar na solapa da chaqueta unha insignia coa pomba da paz deseñada por Pablo Picasso.

Ese foi o caso do sociólogo e historiador Manuel Monge, que ficou no penal vasco un mes e medio. "Estaba paseando tranquilamente por Erandio e de súpeto abordoume un grupo de gardas civís de paisano. E leváronme directo ao cuartel, sen xuízo, pola xustiza militar. Mira a que punto chegaba a represión...", rememora en conversa con Nós Diario, nunha data significativa para el, pois na mañá desta mesma cuarta feira faleceu o histórico dirixente sindicalista Nicolás Redondo Urbieta, con quen Monge compartiu condena.

Canda eles estaba tamén o pintor Agustín Ibarrola —na imaxe—, de quen garda tamén un bo recordo. "Xuntabámonos en pequenas comunas. Había no cárcere xente moi diversa: membros activos do movemento sindicalista como Nicolás Redondo, xornalistas, presos de ETA e mesmo grandes grupos de civís. Daquela as patrullas podían parar un autobús cunha vintena de persoas que se dirixían a unha festa conmemorativa, como pode ser aquí o 25 de xullo, e enviaban a todos a prisión", explica.

Daquel tempo que estivo recluso, primeiro en Basauri canda —entre outros— Redondo e Ibarrola e máis tarde, en 1973, no centro penitenciario da Coruña, o sociólogo lembra como agromaba a solidariedade das clases traballadoras no medio de tanta represión. "Os mariñeiros enviaban caixas de peixe, grazas a iso non comiamos mal. Tiñamos un primeiro prato de 'rancho' e un segundo do que tocase", apunta. E dentro do propio penal había tamén diferentes xestos de agarimo: "En Basauri tiñamos un taller de tambores e era tradición que se agasallase un ao preso que marchaba".

Detrás de boa parte desas detencións, como aconteceu no caso de Manuel Monge, estaba a coñecida como Garda de Franco, unha organización paramilitar formada pola 'vella garda' do falanxismo español e integrantes do propio Exército e da Garda Civil que daba apoio ás outras forzas represivas, a propia GC e a Policía. A modo de anécdota, lembra que o xefe de prensa deste grupo represivo era o xornalista Fernando Ónega, hoxe colaborador de diferentes medios e no pasado subdirector tamén do diario fascista Arriba. "E aí anda agora, predicando a doutrina da democracia...", subliña o sociólogo.

"Moita xente sorpréndese hoxe cando se fala de que nunha determinada vila non queren á Garda Civil. E que esperan? A xente ten memoria, aínda que pasasen 50 anos, e durante anos os gardas civís foron un síntoma da represión, chegaban a un pobo e repartían malleiras", di. En moitos deses municipios, como é o caso de Ondarroa ou Hernani, o Partido Popular segue a ser na actualidade incapaz de lograr representación: "Custáballes moito encher as listas electorais, até tal punto de que moitas delas fechábaas o propio Manuel Fraga, para animar a xente a inscribirse".

Un Manuel Fraga, destaca Monge, que naquel período de gran represión que foi a década de 1960 formaba parte do Consello de Ministros de Francisco Franco. "Hoxe estamos a ver en boa parte da prensa, con motivo da súa morte, a biografía oficial de Nicolás Redondo. Lémbrase que foi secretario xeral de UGT e menciónase que estivo no cárcere... Pero máis nada da represión que había", lamenta.

Dese "clima represivo brutal", sostén, "non se pode falar porque de 1962 a 1969 aí estaba Fraga". "Tanto é así —prosegue— que cando estaba a producirse esa represión tan forte recibe as distincións de 'fillo adoptivo' de concellos como Ferrol (1965) e A Coruña (1968). É dicir, no medio dese clima de terror, Fraga estaba no Consello de Ministros e era considerado 'fillo adoptivo'. E de feito continúa co título concedido na Coruña".

Manuel Monge, autor de diferentes libros que analizan a forte pegada da ditadura franquista que aínda perdura no país e o pasado do 'Camarada Fraga', como era coñecido daquela polo réxime —os máis recentes Unha monarquía corrupta e herdeira do franquismo (2021) e Os restos do franquismo en Galiza (2020)—, considera "moi importante" que se traballe por recuperar esa "memoria da represión" que protagonizou, entre outros, o que fora presidente da Xunta durante quince anos. "A xente ten que coñecer a biografía silenciada e secuestrada de Manuel Fraga", conclúe.

Comentarios