Falece o histórico dirixente da UGT Nicolás Redondo Urbieta

En 1937, após o golpe de Estado, foi un dos 'nenos da guerra' exiliados a Francia, dado que o seu pai fora condenado a 30 anos de cadea polo réxime. Anos despois o propio Nicolás Redondo sufriu nas súas propias carnes a represión franquista, e tras a morte do ditador foi elixido secretario xeral da UGT e deputado do PSOE, formación a cuxo liderado renunciou no Congreso de Suresnes.
Nicolás Redondo, no centro, xunto ao ex presidente do Goberno español (esquerda), José Luis Rodríguez Zapatero, e o actual líder de UGT (dereita), Pepe Álvarez. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Nicolás Redondo, no centro, xunto ao ex presidente do Goberno español (esquerda) José Luis Rodríguez Zapatero e o actual líder da UGT (dereita), Pepe Álvarez. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O histórico líder sindicalista da Unión Xeral de Traballadores (UGT, en castelán) no Estado español, Nicolás Redondo Urbieta, morreu esta cuarta feira aos 95 anos de idade, segundo lamentaron dirixentes socialistas e do sindicato a través de numerosas mensaxes difundidas en redes sociais. UGT comunicou o falecemento do que fora o seu secretario xeral entre 1976 e 1994 e destacouno como unha "figura imprescindíbel do sindicalismo en España durante a ditadura, a transición e a democracia".

A vicepresidenta segunda do Goberno estatal e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, sinalou que Redondo deixa atrás "unha vida consagrada á defensa das persoas traballadoras, as liberdades e a democracia". Así mesmo, despediuse dun "sindicalista extraordinario ao que este país estará sempre agradecido", engadiu, trasladando as súas condolencias "á familia de UGT".

O PSOE, partido no que Redondo militou, tamén mandou todo o seu "afecto" a familiares e achegados polo falecemento dun "socialista e home que dedicou a súa vida á loita polos dereitos dos traballadores e da cidadanía. Que a terra che sexa leve, compañeiro", publicou a formación vermella nunha mensaxe en Twitter, xunto a dúas fotografías do sindicalista.

Na mesma liña expresouse o candidato socialista á presidencia da Comunidade de Madrid, Juan Lobato, que sinalou Nicolás Redondo como un "referente da defensa dos dereitos e a diginidad dos traballadores". E tamén o ex deputado socialista por Madrid e avogado de UGT, Manuel de la Rocha, lamentou a morte dun "gran dirixente obreiro, defensor dos dereitos dos traballadores e traballadoras, referente do socialismo español".

De 'neno da guerra' a cabeza visíbel de PSOE e UGT

Nicolás Redondo Urbieta (Barakaldo, Bizkaia, 1927 - 2023) foi un histórico sindicalista e político. O seu pai, Nicolás Redondo Blanco, traballador dos altos fornos, xa era militante do PSOE e da UGT en 1915. Tras o golpe de Estado de 1936 as autoridades franquistas condenárono á morte, mais a pena foi conmutada por 30 anos de cárcere, dos que cumpriu seis en Puerto de Santa María (Cádiz).

Aos dez anos de idade, en 1937, foi evacuado xunto con outros rapaces vascos no buque La Habana e trasladado a Bourdeaux (Francia), onde o recolleu unha familia mineira de Herault de orixe española coa que conviviu até 1940. Reclamado pola súa familia ao remate da guerra civil, en 1940 regresou. Dous anos despois acudiu á Naval de Sestao en calidade de aprendiz de oficial axustador, e como obreiro metalúrxico afiliouse ao PSOE e mais a UGT en 1945.

Así arrincou unha biografía sindical de moi longo percorrido, que alcanzou a primeira liña pública en 1976. Foi detido e procesado polo réxime de Francisco Franco en até seis ocasións por mor das súas actividades políticas e sindicais. Foi desterrado ás Hurdes en 1967. O 18 de abril de 1976 foi elixido secretario xeral da UGT no 30º Congreso da central sindical socialista.

Dous anos antes renunciara a liderar o PSOE no Congreso de Suresnes, un cargo que finalmente ocuparía Felipe González. Redondo foi elixido deputado do PSOE por Bizkaia en 1977, 1979, 1982 e 1986. En 1987 renunciou ao seu escano logo de votar en contra dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para o seguinte ano.

Convocou xunto a CCOO a folga xeral do 14 de decembro de 1988 e dúas folgas xerais máis en xuño de 1992 e xaneiro de 1994. O 10 de abril de 1994, cando o seu fillo Nicolás Redondo Terreros lideraba o PSE-EE, no 36º Congreso, deixou paso a Cándido Méndez como secretario xeral da UGT a nivel estatal e retirouse de toda actividade política e sindical.

Comentarios