Localizan sete novos campamentos romanos na Galiza que instan a Xunta a investigar e catalogar

Os sitios arqueolóxicos teñen "a mesma morfoloxía" que outros recintos romanos no noroeste peninsular xa documentados.
Campamento militar localizado en Cospeito. (Foto: Romanarmy)
photo_camera Campamento militar localizado en Cospeito. (Foto: Romanarmy)

Persoal arqueólogo e investigador do colectivo Romanarmy vén de localizar sete novos campamentos romanos militares en diferentes localidades do país que, agora, piden á Xunta da Galiza que catalogue para proceder á súa protección. En concreto, os recintos sitúanse nos concellos de Cospeito, Friol, Palas de Rei, A Fonsagrada, Baleira, Castroverde e Riotorto, segundo recolle o estudo liderado polo arqueólogo da Universidade de Oviedo Andrés Menéndez-Blanco e que foi publicado na revista Croa, editada polo Museo do Castro de Viladonga.

Os investigadores explican nun comunicado que os xacementos se dividen en dous grupos, os que presentan unha "fiabilidade alta" e os que se consideran "indicios probábeis". Isto está determinado polo seu grao de conservación e capacidade para poder expor certezas sobre o que esconden puntos que, nalgúns casos, están situados en terreos de "intensa" actividade agrícola.

Os sitios arqueolóxicos teñen "a mesma morfoloxía" que outros recintos romanos no noroeste peninsular xa documentados. Entre eles estaría o 'Vedro da fame', na Hermida, municipio de Riotorto, que abarcaría 14 hectáreas e que o convertería nun dos campamentos romanos máis grandes da Galiza.

Para os arqueólogos, estes achados achegan "datos relevantes" para abrir novos marcos interpretativos sobre os movementos das tropas romanas no territorio galego. Así, apuntan que os recintos da Fonsagrada ou Baleira "inciden na abundancia de fortificacións romanas de campaña entre as montañas orientais da Galiza e o occidente asturiano".

Deste modo, cren que o val de Baleira "puido ter un papel central nos desprazamentos do exército romano a través do oriente lugués en sentido norte-sur". Aliás, os campamentos no oeste do río Miño "presentan máis dificultades interpretativas" pero tamén poden indicar o control de vías de comunicación.

Con todo, consideran que isto último pode "cambiar a distribución dos campamentos romanos na Galiza", o que reforza a idea de que, como se cría, as campañas no país dividíronse "en dúas illas ou concentracións afastadas", pois algúns dos sitios localizados agora "enchen o espazo baleiro do occidente lugués e o oriente coruñés, apuntando a unha distribución máis homoxénea dos sitios en toda Galiza".

"A presenza de poboados fortificados na contorna destes recintos tampouco pode ser ignorada á hora de interpretar as súas motivacións. Aínda que non temos evidencias de asaltos ou asedios a castros nas áreas galega e asturiana, os indicios de interrelacións entre poboados indíxenas e campamentos son cada vez máis numerosos", remarcan os investigadores.

Así as cousas, o colectivo Romanarmy insta as administracións e, en concreto, á Xunta da Galiza a actuar de forma inmediata para protexer estes recintos, "moi alterados por unha acción humana continuada".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios