Os Franco exixen coñecer as obras do Estado en Meirás por se teñen que asumir o gasto

A familia do ditador solicita toda a documentación e lembra que, de momento, o complexo están en mans públicas de forma temporal, pois presentarou un recurso para recuperar a propiedade. Por iso, teme que a inversión que se vai facer lle reste patrimonio nun futuro.
Protesta pública ante o pazo de Meirás, nunha imaxe de arquivo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Protesta pública ante o pazo de Meirás, nunha imaxe de arquivo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
As e os achegados do ditador Francisco Franco, que até hai escasos meses eran posuidores do pazo de Meirás, veñen de exixir pola vía da Xustiza que lles deixen comprobar as obras que o Estado español -depositario da propiedade por decisión tamén xudicial aínda que a expensas de como se resolva a devolución total ao pobo- está a realizar na propiedade.

A familia Franco, que tamén quere coñecer o detalle dos gastos para as actuacións de mantemento que se estimaron nuns 400.000 euros, xustifica o seu requirimento lembrando que o Estado é depositario temporal do inmoble posto que manteñen un recurso para recuperalo.

Considera que, no caso de que o inmoble volva a reverter no seu patrimonio, é posíbel que se lles obrigue a facer o pago dese diñeiro que agora sería adiantado polas arcas públicas.

Como o Estado aludiu a “obras de reforma” e mantemento “necesarias”, as e os herdeiros non descartan que teñan que “acabar soportando na súa esfera patrimonial” a inversión. Iso vai depender, recoñecen, de como se resolva o recurso presentado polas partes ante o Tribunal Supremo.

No escrito presentado no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña puntualizan que queren “toda a información e documentación da que se dispoña” e que se teña manexado “para determinar a necesidade de acometer obras no inmoble”.

Papeis e comprobación presencial

Demandan saber tanto as que xa se fixeron como as que están en curso ou están previstas e a “xustificación do concreto importe que se abonou ou haberá que abonar por tales obras”. Advirten de que terán esta política con todos os movementos futuros “en tanto o inmoble sexa posuído pola demandante [o Estado] sen que exista resolución xudicial firme”.

Así mesmo, piden un prazo de 15 días como máximo, desde que se lles entregue a documentación até que lles deixen visitar Meirás.

Así, insisten en que hai varios posíbeis escenarios e dan por feito que poden gañar, pois mesmo chegaron a conseguir que a Xustiza lles recoñecese o dereito a unha importante cantidade económica en compensación pola perda do ben, que pretendían vender por varios millóns de euros. Despois de días de presión social, o Estado optou por recurrir. Haberá que agardar para ver como se resolve a situación.

Comentarios