luns 08/03/21

A Audiencia da Coruña confirma que o Pazo de Meirás é do Estado, mais obriga a indemnizar os Franco

A Audiencia Provincial da Coruña resolveu esta sexta feira o recurso dos Franco e confirma que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado. Condena os herdeiros do ditador a deixar o inmóbel e sinala que poderán ser indemnizados polos gastos de conservación do edificio desde 1975.
Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)
Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)

A sección terceira da Audiencia da Coruña declarou hoxe que o Pazo de Meirás e as fincas incluídas no recinto son propiedade do Estado, tal e como decretou o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña o pasado mes de setembro, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Ademais, na sentenza, que responde ao recurso de apelación presentado pola familia Franco, condena os herdeiros a desaloxar esas propiedades, "deixándoas libres e ao dispor do Estado español, con liquidación dos gastos útiles e necesarios", á vez que ordena a cancelación das inscricións rexistrais contraditorias sobre as fincas.

Dereito a unha indemnización

O tribunal sostén que o inmóbel nunca estivo a nome de Francisco Franco porque a doazón realizada en 1938 pola Xunta Pro Pazo do Caudillo nun pergamiño non era "un título hábil" para recoñecer a transmisión. Por iso, condena os herdeiros da familia Franco a desaloxar o recinto, pero recoñécelles o dereito a seren resarcidos nos gastos nos que incorreron desde 1975 para conservar o edificio, estimando en parte o recurso presentado pola familia do ditador.

A sentenza entende que é "obvio" que se o edificio estivese abandonado durante 45 anos "o seu estado actual sería ruinoso". A cantidade que deberá abonarlles o Estado por eses gastos definirase na fase de execución.

Descartan "mala fe"

Os xuíces descartan "mala fe" na posesión por parte dos demandados porque, sosteñen, nunca foron requiridos pola Administración para que se lles entregase o pazo e "levan máis de catro décadas utilizándoo de forma pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de donos".

Así, consideran que non hai probas de que os demandados fosen conscientes de que o título de propiedade do seu avó fose inválido. "Para estes herdeiros, o inicio da súa propiedade é unha inscrición no Rexistro da Propiedade de Betanzos en 1941 dunha escritura de compravenda outorgada ante notario, na que o seu avó compra á nora de dona Emilia Pardo Bazán o pazo".

Na mesma liña, os maxistrados destacan que "como donos" foron tratados até o de agora pola propia Administración. "Aínda que se dese por certa a mala fe posesoria en Francisco Franco, non necesariamente se transmite aos seus herdeiros".

Un agasallo persoal a Franco "non ao xefe do Estado"

A Audiencia da Coruña tamén estima a alegación dos recorrentes en canto a que a proba practicada "acredita que a intención final do Xunta Pro Pazo do Caudillo foi doar as Torres de Meirás á persoa de Francisco Franco, non ao Xefe do Estado, nin ao Estado". Así, entende que foi "un agasallo persoal ao xeneral que estaba a gañar a guerra e cuxos favores pretendían gañar os promotores".

Os xuíces, con todo, advirten que esa intención "nunca chegou a ser efectiva" xuridicamente pola forma en que se doou, xa que nunca se outorgou unha escritura pública. "A intención era doar á persoa, pero nunca se chegou a doar a ninguén", conclúen.

A Audiencia reflicte na resolución as súas dúbidas sobre quen exerceu desde 1940 até 1974 como dono do pazo de Meirás, se o Estado ou Francisco Franco a título persoal, pero subliña que, ao seu xuízo, o relevante é que os terreos lindeiros ao edificio "ocúpaos o aparello do Estado desde o primeiro momento, despregando a súa capacidade de exercer a forza sobre os cidadáns", así como que o Estado é o que realiza as obras de acondicionamento.

Conclúe a sala que, até 1975, "faise cargo da totalidade dos gastos inherentes á propiedade, obras de mellora e mantemento". Desde 1975 até a actualidade, segundo o fallo, son os herdeiros os que asumiron eses custos de mantemento.

Contra a resolución da Audiencia Provincial pode interpoñerse recurso de casación ou recurso extraordinario por infracción procesual ante o Tribunal Supremo. Alternativamente, se se considerase que a sentenza infrinxe normas de Dereito Civil da Galiza, pode recorrerse en casación ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

comentarios