A Xunta resta ferro á sentenza que exixe indemnizar os Franco por Meirás

O Goberno galego encadra a setenza a prol de indemnizar a familia Fraco en meras "cuestións técnicas".
O director xeral Anxo Lorenzo descartou valorar a sentenza do pazo (Foto: M.Dylan / Europa Press)
photo_camera O director xeral Anxo Lorenzo descartou valorar a sentenza do pazo (Foto: M.Dylan / Europa Press)

A Xunta da Galiza encadra en "cuestións técnicas" que a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, que ratifica a titularidade pública do Pazo de Meirás, obrigue o Estado a indemnizar os herdeiros do ditador Francisco Franco polos "gastos xerados" no uso e "conservación" do inmóbel desde 1975. "O importante é que Meirás forma parte do patrimonio público", declarou esta sexta feira, 26 de febreiro, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, na comisión parlamentar de Xustiza, en resposta a unha pregunta  do deputado do BNG Luís Bará sobre a realización dun inventario dos bens en mans da familia Franco na Galiza.

A cuestión derivou cara á sentenza que recoñece a familia do ditador o dereito a ser indemnizada pola recuperación do pazo, unha decisión que o Estado rexeita recorrer ante o Tribunal Supremo, pese a que os Concellos de Sada e A Coruña e a Deputación xa anunciaron a súa intención de recorrer.

A Xunta, ao igual que o Estado, parece que non vai mover ficha ante o Supremo. De feito, Lorenzo chegou a afirmar que, como parte coadxuvante na demanda, a Xunta "respecta" os argumentos esgrimidos polos maxistrados para decretar que os Franco sexan indemnizados.

"Non vou valorar unha sentenza dunha Audiencia Provincial", incidiu Lorenzo, apelando ao "respecto" á separación de poderes e á independencia xudicial para non entrar en consideracións sobre os termos da resolución.

Pola súa banda, Luís Bará advertiu das "consecuencias a futuro" que pode implicar a sentenza de Meirás noutros procesos de recuperación de bens espoliados pola ditadura e que permanecen en posesión dos Franco. Por iso, o nacionalista pediu que se recorra a sentenza ante o Supremo en recoñecemento "da verdade e da memoria das vítimas".

O PSdeG pide esgotar todas as posibilidades xurídicas

O vicesecretario xeral do Partido Socialista, Pablo Arangüena, solicitou a todas as partes implicadas no proceso para a recuperación do pazo, entre elas o Estado e a Xunta, que esgoten "todas as posibilidades xurídicas" para non ter que indemnizar os herdeiros de Franco. 

Así se pronunciou nunha rolda de prensa en que informou do rexistro no Parlamento dunha proposición non de lei por parte do grupo socialista para reclamar que as institucións esgoten "todas as posibilidades xurídicas" para non ter que pagar á familia do ditador: "Aínda que o recurso sexa difícil e non sexa admitido polo Tribunal Supremo, se hai unha mínima posibilidade de conseguilo, hai que tentalo", aseverou.

Comentarios