luns 08/03/21

O Estado ve "favorábel" a sentenza do Pazo de Meirás, malia a indemnización aos Franco

A Avogacía do Estado confirma que non presentará un recurso contra a decisión da Audiencia Provincial malia a polémica decisión de pedir unha compensación económica para a familia do ditador Francisco Franco.
Acto reivindicativo o día da devolución temporal do inmoble. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)
Acto reivindicativo o día da devolución temporal do inmoble. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)

A decisión da Audiencia Provincial da Coruña sobre a entrega do pazo de Meirás ao pobo, representado polo Estado, está rodeada de polémica pola parte da sentenza que condena á Administración pública a indemnizar á familia do ditador. A pesar das voces que xurdiron en contra desta especie de compensación ás herdeiras de Franco, a Avogacía do Estado comunicou esta tarde que non haberá recurso contra a sentenza.

Malia ter que destinar fondos públicos aos achegados de Francisco Franco, o Estado considera que o auto que deixa Meirás como patrimonio público resulta "favorábel" aos seus intereses. Polo tanto non intentará ficar sen pagar unha cantidade elevada que desde a defensa dos Franco estiman arredor dos 800.000 euros.

Isto é así porque a Audiencia considera que a familia non foi posuidora "de mala fe" deste ben e que ten dereito a verse indemnizada polos gastos de mantemento realizados desde 1975, é dicir, máis de 45 anos atrás que o complexo estivo en mans privadas.

Así o explicaron a Europa Press fontes do Ministerio de Xustiza, que xustifican a decisión de non presentar recurso unicamente na teoría de que o fallo é "favorábel" aos intereses do Estado. En canto á indemnización, indicaron que o procedemento é que os Franco expoñan unha contía. "E sobre esa cantidade valorarase", expuxeron.

Moi por enriba e con impostos

O letrado da familia do ditador, Luis Felipe Utrera-Molina cifrou, segundo afirma Europa Press, nun importe "sensiblemente superior a 800.000 euros" só a indemnización que correspondería aos seus clientes por "a reconstrución" do inmoble.

Aliás desa contía, prevé que o que van pedir aumente de forma "moi considerábel" ao incluírse tanto os gastos de mellora como os de conservación até o ano 2020, "impostos incluídos", apostilou.

Dado o contexto, o que si vai recorrer é o Concello de Sada -no que se atopa o pazo- porque considera que si existiu esa "mala fe", ao igual que outras institucións. Mentres, a idea das herdeiras é acudir ao Tribunal Supremo para poder recuperar mesmo o inmoble.

Após coñecer a decisión da Avogacía do Estado, o rexedor sadense Benito Portela lamentou a "pasividade" amosada polo Goberno do Estado español e interpreta que os Franco son "os grandes beneficiados".

"Lexitimar o franquismo"

Con estas últimas novas sobre a posición do Estado, o deputado do BNG no Parlamento Luís Bará anunciou que vai levar unha moción para instar á Xunta a ir contra a sentenza da Audiencia coruñesa que, na súa opinión, "despide un insoportable tufo franquista". Tamén argumenta que son os Franco os que teñen que pagar "por todo o que roubaron" e non Galiza "dúas veces".

O nacionalista considera que o fallo fai unha valoración dos feitos "favorable e a beneficio do Franco" pola indemnización que lles recoñece e polo feito de que o faga desde 1975 "e non desde 2018 cando foron declarados herdeiros", cita entre outros argumentos.

De feito, para o Bloque, o ditame buscaría "lexitimar e branquear o franquismo". Bará chega a exixir "responsabilidades a todos os poderes do Estado que desde 1975 favoreceron e protexeron os intereses do Franco", apuntando a figuras como a do rei emérito Xoán Carlos I.


comentarios