Patrimonio exixe ao Estado un proxecto "en detalle" das obras do pazo de Meirás

A Xunta xustifica esta petición porque o complexo ten a consideración de Ben de Interese Cultural.
Acceso ao pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)
photo_camera Acceso ao pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)

O Goberno do Estado español terá que presentar un proxecto detallado sobre as actuacións de mantemento e reparación que ten previsto realizar no pazo de Meirás. Ou polo menos é o que lle demanda a Xunta porque o complexo está considerado un Ben de Interese Cultural (BIC).

A Consellaría de Cultura explicou que o requirimento xa foi demandado a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. En concreto, solicitou "un proxecto técnico completo" no que se inclúan "en detalle" todas as intervencións que se queren contratar atendendo a que non se pode facer calquera obra nun BIC.

Fontes deste departamento aclaran que ter o documento nas súas mans é "un paso previo legal indispensábel para que ditas obras poidan realizarse xa que deben contar coa súa autorización, tal e como estabelece a normativa vixente" na Galiza.

Por exemplo, o Goberno local de Sada remitiu o seu propio informe a Patrimonio e nel está recollida a información do complexo que forneceu o Ministerio de Facenda.

"Nela inclúense unha serie de intervencións cuxa documentación, unha vez analizada, resulta incompleta", aclararon.

"En concreto, precísase dun proxecto de intervención, asinado por un técnico competente, no que se definan en detalle as diferentes obras, algo que a día de hoxe non foi remitido á Xunta", engadiron nun comunicado.

Aliás, desde o punto de vista do Executivo galego non hai unha situación de "emerxencia" que é a que xustifica a présa en "casos moi excepcionais como sucedeu, por exemplo, no incendio do santuario da Virxe da Barca, en Muxía".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios