Ferrol 1972: os torturadores

Semella que foi onte pero pasaron corenta seis anos. A dureza da represión sufrida e a perseveranza das organizacións de clase e das forzas progresistas, mantendo a lembranza dos feitos, neste caso a medio da convocatoria do Día da Clase Obreira Galega, dános unha sensación de contemporaneidade que non se corresponde co tempo transcorrido.

Ferrol 10 de Marzo
photo_camera Ferrol 10 de marzo de 1972

Só se lembra aquilo que se divulga. Así, vivimos como nosa a oposición dos traballadores ferroláns a un convenio único para o conxunto do estado e a defensa dun marco laboral propio para a factoría galega, unha demanda que segue a ser un dos sinais de identidade do sindicalismo nacionalista. E está presente en nós aqueles días de asembleas, xuntanzas e “pásaos”, e  enxurrada obreira naquela mañá cediño, como escribiu Novoneyra, do 10 de marzo de 1972 a tomar a ponte das Pías, e o despregue da forza pública, e os disparos contra a xente de ben, e os feridos, e Amador Rei e Daniel Niebla asasinados.

Foi unha represión a sangue e lume. Os asasinados, pero tamén os feridos con balas, a consecuencia dos disparados efectuados pola policía contra os manifestantes.:Afonso Quintela Tenreiro, Xulio Aneiros Fernández, Claudio Freire CarballoSantiago Arroxo Pérez, Cipriano López Pita, Eladio Toloi, Xosé Rei Otero, Xosé Lamas Teixeiro, Marcelino Pinos Rodríguez, Xosé Diez Ramos, Antón Fernández Martínez, Xosé Suárez Pita, Antón Pérez Fraga, Xosé Pérez González, Abelardo Teixeiro Lago. E tamén, estes leves: Paulino Pereira Calo, Xosé Serantes Castro, Manuel Seoane Vázquez, Anxo do Río Vázquez e Xosé Piñeiro Méndez. A represión non acougaría nos días e semanas seguintes, traballadores encarcerados, dirixentes políticos, sindicais e estudantís detidos ao longo e ancho do pais, militantes fuxidos e agochados, sancións administrativas, procesos xudiciais nas diversas xurisdicións, causas no Tribunal de Orde Público e mesmo diante da xustiza militar.

Luis García Moran, Xosé Luís Díaz, Nicolas Lago Simó, Xoán Guzmán García, Prudencio Bodega ou Canoño foron algúns dos membro da BPS que, segundo a imprensa obreira da época, máis se significaron na torturas contra os traballadores ferroláns en 1972

O aparello represivo do réxime, particularmente, no caso de Ferrol, a Brigada Político Social e o Servizo de Información Militar, empregáronse sen descanso na persecución da protesta. Un repaso á prensa clandestina do momento, fundamentalmente daquelas organización políticas que participaron da loita, fornece cumprida información sobre o operativo do terror, o uso indiscriminado das torturas nos centros de detención e a metodoloxía dos tomentos. Así, nun número especial do Terra e Tempo, voceiro da UPG, editado en París naquel mesmo ano, onde se reproduce un informe interno elaborado por Xosé Ramón Reboiras Noia, nun exemplo maxistral de xornalismo obreiro, sinala un amplo catálogo das torturas aplicadas. A primeira, “as táboas de ximnasia”, método que “obrigaba ao detido a permanecer de pé e posturas forzadas mentres o golpeaban por todo o corpo”, pero tamén “o quirofano”, consistente “en estirar ao retido sobre unha mesa mentres se lle peta no estómago e se lle introducen boligrafos estriados sobre os dedos das mans”.  

Os represores ferroláns contaron co asesoramento e o apoio de membros da Brigada Política Social desprazados desde Madrid para a ocasión. Por exemplo, A voz do pobo, órgano de prensa do PCG, nunca crónica asinada o 23 de Abril de 1972,  afirma que o “principal torturador Luís García Moran da BPS de Madrid, foi este nazi o máis destacado e o que participou en todas as torturas; Xosé Luís Díaz da BPS de Ferrol, outra besta dando  golpes e patadas; Nicolás Lago Simó da BPS de Ferrol e Xoán Guzmán García, xefe da BPS de Ferrol. Tamén tomou parte activa Francisco Braxe Bouza, xefe de información de Ferrol”. Segundo recollemos doutros números desta publicación, participaron tamén nas torturas o celebre “Cañoto”, número da BPS de Ferrol, Prudencio Bodega, da BPS de Madrid ou Luis Avila Barbero, neste caso chegado desde Valencia. Ao longo de todos estes anos, a nosa ollada mirou para as vítimas é tempo de reparar nos represores, nos “Billy el Niño” ou “Cañotos” que torturaron, humillaron e aterrorizaron os demócratas galegos nos últimos anos do franquismo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios