Faleceu Darío Rivas, promotor da querela arxentina contra o franquismo

Era o fillo de Severino, alcalde de Castro de Rei, asasinado polos falanxistas en 1936. Darío Rivas morreu en Bos Aires con 99 anos.

[Imaxe: lacomunapresxsdelfranquismo]

O 14 de abril de 2010 Darío Rivas presentaba nun xulgado de Bos Aires una denuncia para que se investigasen os crimes do franquismo. Nove anos daquel paso que supuxo o inicio da querela arxentina contra os crimes de Franco, Darío Rivas falecía. En Bos Aires e aos 99 anos de idade.

Darío Rivas era o fillo de Severino, alcalde de Castro de Rei, asasinado polos falanxistas en 1936. Até o final traballou por recuperar a honra das vítimas da represión.

O seu pai, Severino Rivas, levaba tan só tres meses como alcalde de Castro de Rei cando foi apreixado polos falanxistas e asasinado nunha cuneta en Portomarín. A súa familiar intervén na conversa para nos explicar como tiveron coñecemento do lugar onde descansaban os restos do finado. “Foi unha casualidade. Pensabamos que o corpo de Severino ficara sepultado no cemiterio vello, baixo o caudal do río de Portomarín”, afirmaba nunha entrevista con Sermos Galiza.

Porén, nunha visita de Darío á vila luguesa, nunha tenda de souvenirs, unha veciña reconstruíu a morte do seu pai. “A veciña contou que sendo unha nena vira dous mortos nunha cuneta e que un dos asasinados era de Castro de Rei, segundo comentaban daquela en Portomarín”. Esta coincidencia provocou que, desde entón, Darío Rivas se afanara aínda máis en recuperar os restos do pai.

Comentarios