Falece Antonio Nores Soliño, fundador da Iniciativa Galega Pola Memoria

O activista pola memoria tamén desenvolveu un amplo labor nas tarefas de defensa da natureza e o patrimonio.

Antonio Nores Soliño, no centro, durante unha Marcha pola República
photo_camera Antonio Nores Soliño, no centro, durante unha Marcha pola República (Foto: IGM).

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) vén de comunicar o falecemento dun dos nomes referencia no eido da memoria histórica e a arqueoloxía en Cangas, a comarca do Morrazo e Galiza enteira: Antonio Nores Soliño.

Un nome sinónimo de memoria, foi fundador da IGM e un dos seus máis activos compoñentes, no traballo nun eido no que concentrou especialmente as súas forzas nas últimas décadas.

“Sufría por cada caso de impunidade do franquismo, por esas vagas e tsunamis de corrupción, polos actos de xenocidio, pola falta de dilixencia ou atrancos na eliminación de simboloxía franquista...”, conta o seu compañeiro de directiva, Xoán Chillón.

Mais era tamén impulsor de campañas de promoción, exposicións, recuperación e posta en valor de elementos e construcións da historia do país, así como un activo dinamizador do movemento asociativo a nivel municipal, comarcal e mesmo galego.

A posta en valor do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico, bases de datos da historia de Cangas da primeira metade do S. XX, publicacións, artigos, promoción de actividade e monumentos... son as súas grandes aportacións. A eliminación da simboloxía franquista da igrexa do pasado maio 2019 foi unha grande alegría tras moitos anos da súa loita, da loita de todas e todos”, explica Chillón.

Do seu amplo e variado traballo artístico, fica na praza do Concello unha fermosa lembranza reflectida na peza escultórica do Memorial de Liberdade, obra da que foi promotor e autor.

Comentarios