sábado 16/10/21

"Estamos aquí porque a batalla por Meirás non rematou"

As memorias celebran a mobilización máis masiva en 15 anos diante das portas do Pazo de Meirás, fechadas polo Estado.

Meirás 19 de xuño O Pazo é do pobo e da memoria (3)
Actuación de Tanxugueiras diante das portas do Pazo de Meirás, este sábado 19 de xuño (Foto: Nós Diario)

Máis de mil persoas acompañaron o movemento memorialista galego na manifestación en Meirás, deste sábado, 19 de xuño, que topou coas portas do Pazo fechadas por orde do Goberno do Estado "que impediu unha xornada festiva nos xardíns das Torres, un espazo recuperado co esforzo de ducias de activistas durante máis de 40 anos", segundo sinalou nun comunicado a plataforma Defende Meirás.

"Desde a última marcha a Meirás mudou algo moi significativo. O Pazo agora é patrimonio do Estado. O que non mudou é o lado do muro no que temos que manifestarnos. Seguimos sen poder entrar no Pazo de Meirás. O Estado español non o permitiu. Nunha democracia normal, hoxe as portas de Meirás estarían abertas. Mais están pechadas", sinalou Carlos Babío, portavoz da plataforma que conta co apoio de 68 organizacións memorialistas de todo o país, partidos, sindicatos, asociacións veciñais e culturais.

O escenario, previsto para ser instalado nos xardíns do Pazo, situouse finalmente na explanada principal, a carón das portas de entrada ao recinto. Segundo sinalaron desde Defende Meirás, "o Goberno central negouse a abrilas sen xustificar a súa negativa en argumento ningún".

"O Pazo para o pobo e a memoria"

Pasadas as 12 horas arrancou a marcha cunha pancarta co lema "O Pazo para o pobo e a memoria", seguida doutra levada por persoas represaliadas durante os últimos anos do franquismo en España. Figuraban nela os nomes das case 600 persoas asasinadas polo "terror fascista" a partir de 1936.

"Por aquelas e aqueles que viron as súas casas e terras furtadas para maior gloria do ditador e do seu réxime. Por aquelas e aqueles que, en tempos de miseria, tiveron que dar o que non tiñan para obsequiar a quen lles negaba a liberdade. Por aquelas e aqueles que padeceron persecución por seren veciñas e veciños do ditador. Por aquelas e aqueles que nos anos da II República soñaron cun Meirás e cunha Galiza na que vivir unha vida xusta e traballaron con entusiasmo pola conquista desa idea. E remataron nunha gabia, no cárcere, nos montes, no exilio".

"Ou simplemente ─continuou Manuel Pérez Lorenzo, outro dos portavoces da plataforma impulsada pola Iniciativa Galega pola Memoria, durante a lectura do manifesto─ obrigadas e obrigados a recibir a Franco ao berro de 'Arriba España' e co brazo en alto, ou colgando a bandeira bicolor no balcón da súa casa baixo coacción. Aclamando pola forza a quen lles furtara o futuro. Por todas e todos, reivindicamos un pazo de Meirás en posesión do pobo".

Na marcha, de apenas tres quilómetros por estradas dos arredores do Pazo, participou o alcalde de Sada, Benito Portela, que colaborou na organización do acto. Tamén estiveron presentes representantes das formacións políticas, como Ana Pontón, do BNG; Antón Sánchez, de Anova, ou Antón Gómez-Reino, de Podemos.

Partidos, sindicatos e asociacións arrouparon os representantes do movemento memorialista da Coruña, con Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), e as ex presidentas Beatriz Gómez e Manuel Monge; así como tamén outros destacados activistas da loita por Meirás, como Plácido Lizancos. Tamén estiveron presentes colectivos memorialistas do resto de Galiza.

"Referente de memoria democrática"

"Estamos aquí porque a batalla por Meirás non rematou", afirmou Carlos Babío na lectura do manifesto, despois das intervención dos intérpretes Isabel Risco e Fernando Morán, que ofreceron unha parodia da familia Franco, e de tres pezas da agrupación musical Tanxugueiras.

"De agora en adiante, Meirás debe servir para honrar a memoria das vítimas. Sen menoscabo doutras funcións e valores que o conxunto atesoura, o pazo de Meirás ten que ser no futuro fundamentalmente un espazo referente de memoria democrática, pois foi epicentro do poder do franquismo durante 36 veráns e é resultado dun espolio continuado. Por iso foi reivindicado como patrimonio público, non por ningunha outra razón", concluíu Babío

Neste sentido, subliñou que o obxectivo do acto non era outro que impedir "a rapina dos Franco", e volveu reclamar que o Estado e a Xunta de Galiza se impliquen en protexer os bens todos que forman parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural.

Ademais, agradeceu a implicación da plataforma Defende Meirás e do resto das asociacións que colaboraron na mobilización; tamén ao Concello de Sada "pola súa decisiva contribución para poder celebrar un acto salvando todos os obstáculos que puxo a Administración central"; a Luis Davila, autor do cartel da convocatoria da manifestación; e ás artistas e persoas anónimas participantes. E, ao berro de "Franquismo, nunca máis", rematou a maior mobilización das memorias do país desde hai 15 anos.

comentarios