O monumento a Ánxel Casal, acordado polo Concello compostelán, segue sen ver a luz 85 anos após o seu asasinato

A efixie a Ánxel Casal, editor da revista ‘Nós’ e alcalde galeguista de Santiago de Compostela, asasinado polos fascistas en 1936, segue á espera de facerse realidade. Hai máis de dous anos que o pleno do Concello compostelán aprobou unha moción do BNG para erguer unha estatua en lembranza de Casal e da veciñanza represaliada polo franquismo. Porén, o Goberno do socialista Sánchez Bugallo mantén o acordo na neveira.  

Retrato de Ánxel Casal no acto polo seu 126 aniversario en que se volveu demandar erguer o monumento no seu recordo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Retrato de Ánxel Casal no acto polo seu 126 aniversario en que se volveu demandar erguer o monumento no seu recordo (Foto: Nós Diario)

Vai para máis de dous anos que o pleno do Concello de Santiago de Compostela acordou -a iniciativa do BNG e coa única abstención do PP- unha moción con varias medidas en prol da memoria democrática entre as que figuraba erguer un monumento de homenaxe a Ánxel Casal, alcalde da capital galega asasinado en 1936 polo seu compromiso nacionalista. A efixie levaría a inscrición dos nomes da veciñanza executada ou presa durante o franquismo. Houbo 226 veciñas e veciños de Santiago que, segundo datos recollidos na investigación Nomes e Voces, sufriron represión derivada da ditadura franquista.  

Na sexta feira, 17 de decembro, no 126 aniversario do nacemento de Casal, o BNG de Compostela volveu demandar o cumprimento do aprobado en pleno. “Estamos fartas do inmobilismo do Goberno local do PSOE”, denunciou a portavoz municipal do Bloque na capital galega, Goretti Sanmartín, ao tempo que reclamou ao Executivo local “que cumpra cos seus compromisos”.  

"Casal por Galiza fixo máis do que todos nós”

Ánxel Casal (1895-1936) destacou polo seu labor como editor. Creou a editorial Lar, con Leandro Carré Alvarellos e, posteriormente, creou a editorial Nós. “Durante 12 anos, entre 1924 e 1936, e en dúas cidades, na Coruña primeiro e logo en Compostela, Casal publicaría máis de 80 libros, centos de folletos e separatas, revistas e diarios, nunha intensísima actividade cultural que entidades como a propia Asociación Galega de Editoras considera “fundacional” para o libro galego moderno.  

Foi Ánxel Casal quen editou, entre outros, obras de Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cunqueiro, Manoel Antonio, Víctor Casas, Ramón Vilar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, … e con el colaboraron ilustradores como Seoane, Camilo Díaz Baliño ou Maside. Ademais, da súa imprenta saíron publicacións como a revista Nós ou A Nosa Terra. Foi tamén o editor dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca, prologados por Eduardo Blanco Amor. O granadino foi asasinado o mesmo día que el

O seu labor como editor e impresor resultou fundamental para o desenvolvemento do galeguismo do seu tempo, até o punto de que Castelao chegou a dicir que "Casal por Galiza fixo máis do que todos nós”. 

Casal uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre da Escola do ensino galego das Irmandades. Foi militante do Partido Galeguista desde a súa fundación e foi elixido como alcalde de Compostela en febreiro de 1936. 

Un mes despois foi nomeado deputado provincial e vicepresidente da Deputación da Coruña. Exerceu tamén como vicepresidente do Comité Central da Autonomía da Galiza, se ben actuou como presidente en funcións ante a ausencia de Bibiano Fernández Osorio-Tafall. 

Dimitiu como alcalde e como edil o 9 de xullo dese mesmo ano. O día 17 formou parte da comisión que entregou o Estatuto da Galiza ao presidente do Congreso dos Deputados.  

Regresou a Santiago o día 20, e a proposta do comité de defensa formado a xornada anterior polos partidos e sindicatos locais tras o golpe de Estado dos fascistas. Aceptou facerse cargo de novo da Alcaldía, se ben ese mesmo día sería deposto pola autoridade militar.

Refuxiouse na casa familiar de Vilantime, en Arzúa, onde o detiveron a 4 de agosto de 1936. Foi levado á prisión de Santiago onde coincidiu con Camilo Díaz Baliño, quen o retratou a lapis ao igual que a outros presos políticos. Na noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras (Teo), perto do cemiterio.

Os compromisos pendentes coa memoria do Concello de Santiago 

Naquel pleno municipal de 2019 en que se acordou erguer a efixie, tamén se aceptaron outras medidas da proposta do grupo do BNG relacionadas coa memoria democrática e que aínda fican pendentes de execución polo consistorio do socialista Xosé Sánchez Bugallo: a instalación dunha placa na nova terminal do aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla, en lembranza das persoas que estiveron no campo de concentración da Lavacolla e que ergueron o aeródromo. 

Tamén se acordou que o Concello crease a Comisión especial de memoria histórica e que, como mínimo, contase coa participación dos departamento de Historia da USC e colectivos veciñais e de recuperación da memoria. Porén, até a data só se convocou unha primeira reunión da comisión, de carácter meramente constitutivo, e para iso tardouse máis dun ano e medio.  

En novembro deste ano, a nacionalista Goretti Sanmartín interpelou o Goberno municipal para pór en funcionamento a comisión especial, cun cronograma para a eliminación de simboloxía franquista en Santiago e para a instalación das placas memorialistas no aeroporto e en Santa Isabel, en lembranza das presas e presos polo franquismo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios