venres 24/09/21

Teo homenaxea os represaliados no 85 cabodano de Ánxel Casal

Acto en lembranza do galeguista e todas as vítimas do fascismo.
Un instante do acto celebrado na tarde da quinta feira. (Foto: Manuel Barreiro)
Un instante do acto celebrado na tarde da quinta feira. (Foto: Manuel Barreiro)

O Concello de Teo rendeu homenaxe nesta quinta feira ao político e editor Ánxel Casal na Estivada da Ribeira (Cacheiras), o lugar no que o seu corpo foi achado o 19 de agosto de 1936 xunto ao do armeiro Pepiño Areosa, após seren asasinados polas tropas fascistas.

"Celebramos un ano máis esta data especial, nesta ocasión con máis ganas ca nunca porque en 2020 non puidemos por mor da pandemia e o mal tempo. Casal foi unha figura moi importante e queremos lembrar o seu legado", sinala a Nós Diario a concelleira de Cultura, Mayte Argibay.

No acto, alén dela, interviron o alcalde, Rafael Sisto; a alcaldesa en funcións de Compostela, Mercedes Rosón; a edil de Cultura de Arzúa, Aurora Varela, e representantes da asociación teense de memoria histórica A Oliveira, precursora desta homenaxe.

Tamén participou a veciña do municipio Uxía Dono Liste, bisneta do comandante galego do Exército republicano Enrique Líster, un dos líderes durante a Guerra Civil do Quinto Rexemento de Milicias Populares. Uxía Dono leu a listaxe completa de persoas represaliadas en Teo en 1936.

Así mesmo, o Concello entregou ás persoas asistentes, entre as que se atopaban familiares de Casal e Areosa, senllos exemplares da obra de Federico García Lorca Seis poemas galegos, editada, precisamente, por Ánxel Casal.

"Con este acto queremos facer un exercicio de memoria e lembrar os nomes de todas as e os teenses represaliados polo franquismo", expuxo Argibay, quen agarda que o recordo destes persoeiros "sirva para que o que aconteceu non se volva repetir, nun momento coma o actual no que semella estar moi perto".

Por outra banda, os grupos locais Aldomir e Suasebe, da Asociación Cultural A Mámoa de Luou, acompañaron coa súa música o evento.

comentarios