Ana Pontón advirte que "non se pode combater" o virus con recortes

A líder nacionalista insta a Xunta a fortalecer a sanidade pública nunha xornada en que tamén participou dun acto do BNG en homenaxe a Ánxel Casal, alcalde de Santiago asasinado en 1936.
Ana Pontón na homenaxe a Ánxel Casal (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón na homenaxe a Ánxel Casal (Foto: Nós Diario)

"Non se pode combater" a pandemia do coronavirus "recortando en sanidade pública", advertiu ao Goberno galego a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

A nacionalista sinalou que "a pandemia está a demostrar en moitas ocasións que o virus está a ir por diante dos Gobernos", polo que "non se pode combater unha situación destas características recortando na sanidade pública e non dotando de máis medios un elemento que é central á hora de poder evitar a expansión do virus", o "que é responsabilidade da propia Xunta", apuntou.

Instou a "seguir mantendo" medidas de precaución mais, apostilou, "é evidente que non se pode combater ben unha pandemia se se recorta en Atención Primaria e non se escoitan as reclamación dos profesionais, que piden máis medios e mais recursos".

Nese sentido, considerou que "é unha mala noticia" que os Orzamentos da Xunta para 2022, que se votarán na vindeira semana no Parlamento, "recorten precisamente no que máis pode axudar neste momento", dixo en referencia á Primaria.

Unha estatua para Casal

Este 17 de decembro, no 126 aniversario do nacemento de Ánxel Casal, o BNG rendeu homenaxe en Santiago a este histórico galeguista, alcalde da cidade, impulsor do Estatuto de 1936 e un dos principais promotores da lingua galega a través da editorial Nós.

“É un acto de xustiza e de memoria por unha persoa que o deu todo por Galiza”, destacou Pontón, dun “traballador incansábel que fixo todo o que puido e máis por conseguir o Estatuto do 36”. Del destacou a súa faceta política, o seu papel na creación das escolas de ensino en galego e o seu labor de “editor de nación” desde a imprenta da Rúa do Vilar. Unha imprenta da que saíron “os artefactos máis subversivos que poden existir: os libros". Se Feixoo e o PP lesen as obras editadas por Casal, "nunca se atreverían a prohibir o galego para as matemáticas ou a tecnoloxía”, subliñou Pontón.

Recordando Casal, asasinado polos fascistas en 1936, Pontón reclamou unha lei de memoria “que permita esclarecer a verdade do asasinato de Casal e de tantas outras persoas e dar paso ao seu recoñecemento público”. Con ese obxectivo o BNG volverá presentar no Parlamento unha lei en aras da xustiza e da reparación. 

Aliás, a formación propón erixir unha estatua coa figura de Casal na Praza de Cervantes, diante da sede do antigo Concello. A portavoz municipal do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, recordou que esa proposta do Bloque foi aprobada pola corporación hai xa dous anos, sen que nada se fixese aínda desde o Concello.

Comentarios