Achan en Petín un miliario romano que data do século I

Estaba situado na Vía Nova, o camiño que unía a cidade lusa de Braga coa localidade de Astorga.
O miliario colocouse na ponte da Cigarrosa, en Petín. (Foto: Gustavo Docampo)
photo_camera O miliario colocouse na ponte da Cigarrosa, en Petín. (Foto: Gustavo Docampo)

O Concello de Petín, na comarca de Valdeorras, vén de instalar o primeiro miliario da Vía Nova, que data da época do Imperio romano, que ten unha inscrición dedicada ao emperador Nerva.

Os miliarios eran os marcos que sinalaban as distancias nas calzadas romanas, como o caso da Vía Nova, coñecida tamén como Vía XVIII. Este camiño foi construído hai dous milenios, contra finais do século I, e unía as poboacións de Bracara Augusta —hoxe Braga— e Asturica Augusta —Astorga—.

O camiño comprende perto de 300 quilómetros e percorre as comarcas de Celanova, A Limia, A Baixa Limia, Allariz, Caldelas, Trives, Valdeorras e O Bierzo, para finalmente desembocar no que hoxe se coñece como Astorga.

Esta peza foi descuberto nas obras dunha vivenda no barrio da Ponte o pasado mes de novembro, e agora foi colocado xunto á ponte da Cigarrosa, no mesmo municipio.

O miliario foi construído con granito da Rúa

O arqueólogo Santiago Ferrer explicou en declaracións aos medios que o miliario foi elaborado con granito procedente da Rúa e datouna, en concreto, do ano 97.

A inscrición, malia non estar completa por mor do paso do tempo, di o seguinte: "O emperador Nerva, sendo césar pontífice máximo investido co poder tribunicio, pai da patria e cónsul por terceira vez, mandou colocar este miliario na milla 85 desde Asturica Augusta".

Malia que nun primeiro intre a idea era trasladar a peza ao Museo Arqueolóxico de Ourense, finalmente o Concello de Petín fíxose cargo dela e, após restaurala, situouna nesta ponte na que agora todas as persoas viandantes poderán contemplar un anaco do pasado romano da comarca.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios