A Deputación da Coruña lembra e rende homenaxe ás corporacións represaliadas polo franquismo

O acto, no que se lembraron a alcaldes, concelleiros e membros da entidade provincial asasinados e represaliados, estivo presidido polos retratos do presidente e vicepresidente da Deputación en 1936, López Bouza e Ánxel Casal. Familiares das vítimas e un membros das corporacións municipais, entre os que se atopaban numerosos alcaldes e alcaldesas, participaron no acto.

represaliados_franquismo_077 (2)
photo_camera Valentín Formoso e Goretti Sanmartín

Os retratos de José López Bouza e Ánxel Casal, presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña asasinados no verán de 1936, presidiron o acto de homenaxe e lembranza dos membros das corporacións locais represaliadas despois do golpe militar de 1936 que decorreu esta quinta feira na sede da entidade provincial. O presidente Valentín Formoso, a vicepresidenta, Goretti Sanmartín e o neto de Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da Coruña asasinado, Alfredo Suárez, defenderon a necesidade de recuperar a memoria como acto de xustiza coas vítimas da represión.

“Para recuperar a memoria e homenaxear a aquelas persoas a que lle debemos a existencia hoxe de institucións democráticas, desde a Deputación da Coruña queremos lembrar con este acto non só os seus nomes senón tamén a obriga dos gobernos de recuperar a súa propia historia e vencer o silencio imposto durante tanto tempo”, sinalou Goretti Sanmartín ao tempo que anunciou a elaboración dunha investigación que complete unha listaxe rigorosa de cargos municipais represaliados despois de 1936. “Queremos facer xustiza. Cumprimos, pois, a obriga de nomear e facémolo co orgullo de contribuír a pagar a débeda que a sociedade ten coas vítimas”, sinalou.

Queremos lembrar con este acto non só os seus nomes senón tamén a obriga dos gobernos de recuperar a súa propia historia e vencer o silencio imposto durante tanto tempo”

Foi un acto de lembranza, de homenaxe, memoria e recuperación dos alcaldes, concelleiros, representantes públicos e traballadores da administración que estiveron no punto de mira da represión farqnuista. Familiares das vítimas e unha representación de membros das corporacións municipais participaron no acto que tiña como obxectivo contribuír á recuperación da memoria democrática dos concellos.

represaliados_franquismo_043 (2)Valentín González Formoso subliñou a importancia de “contribuír a recuperar a memoria e a dignidade dos milleiros de persoas que sufriron a represión” e cuxos nomes “intentaron ser borrados da historia durante máis de 40 anos”. Considerou “unha honra” suceder no cargo ao ex-presidente José López Bouza, “exemplo de dignidade e defensa dos valores democráticos”.

“Hoxe é un día feliz porque, aínda que sexa simbolicamente, José López Bouza e Ánxel Casal volven a presidir un acto da Deputación da Coruña”

Ampla e estensa represión

A represión impulsada polos fascistas na Galiza a partir do verán de 1936 non foi 'selectiva' e reducida a un pequeño número de persoas. Goretti Sanmartín, defendeu a necesidade de “borrar o esquecemento” e recuperar a memoria e citou os nomes dos alcaldes asasinados que estaban en exercicio do seu cargo en xullo de 1936. Ademais, falou da Deputación da Coruña lembrando que alí “a depuración do seu cadro de persoal foi estarrecedora. No prazo de dous anos e medio, o 50% do funcionariado provincial foi destituído por ser considerado sospeitosos”.

represaliados_franquismo_028 (2)Sanmartín agradeceu tamén o labor desenvolvido polo movemento asociativo e o compromiso de historiadores e historiadoras á hora de descubrir, “que no noso país non houbo guerra senón unha represión brutal”.

"No noso país non houbo guerra, houbo unha represión brutal"

O acto desenvolveuse na véspera do pleno en que se aprobará, co apoio de todos os grupos con representación,  a declaración institucional para proceder a retirar as honras a Francisco Franco que deixará de ser Fillo Predilecto da provincia da Coruña e presidente de honra da Deputación.

“Para perdoar, o que agrede ten que pedir perdón”

Alfredo Suárez o neto do alcalde da Coruña asasinado, Alfredo Suárez Ferrín, tomou a palabra no acto para manifestar que “uns, terminada a contenda chamada Cruzada, foron recoñecidos como mártires e tiveron honras e prebendas e, dos outros, dos nosos, non se podía falar e se alguén falaba dun asasinado sempre lle dicían que algo malo tería que ter feito”. “Para perdoar o que agrede ten que pedir perdón e ninguén o fixo nos corenta anos de ditadura”, sinalou, como voz dos familiares presentes no acto. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios