Acusan o Concello de Ferrol de atrasos na colocación dun monumento ás vítimas do franquismo

Desde o Goberno de Ferrol, a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, lamentou que se acuse o seu Goberno de "desidia".
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato nunha rolda de prensa (Foto: Concello de Ferrol).
photo_camera O alcalde de Ferrol, Ángel Mato nunha rolda de prensa (Foto: Concello de Ferrol).

Os integrantes da Comisión Pro-Memorial ás Vítimas do Franquismo en Ferrolterra denunciaron "a continua lentitude" do Concello de Ferrol na tramitación e execución dun monumento en recordo das persoas que faleceron como consecuencia da persecución que sufriron na ditadura. Con todo, o Goberno local asegura que xa está a traballar niso.

Un dos portavoces do organismo, Ton Blanco, denunciou que hai "razóns obxectivas para alarmarse da desidia da Alcaldía", á que culpan dos atrasos, xa que "se lles pode botar a culpa aos técnicos do Concello ou tamén os arquitectos, pero non é convincente".

Nunha rolda de prensa ofrecida esta segunda feira no Concello de Ferrol, en compañía dos portavoces municipais de Ferrol en Común e BNG, Jorge Suárez e Iván Rivas, respectivamente, Blanco criticou que o pasado 2022 se lles asegurou "que estaría inaugurado antes de que finalizase o ano".

"O cal non só incumpriron, dáse o paradoxo que a estas alturas de 2023 aínda non estea inaugurado. É un absurdo que o monumento leve un mes realizado (obra do artista Manuel Patinha) e con todo non se poida inaugurar por non ter a base aínda realizada", dixo, para asegurar que acumula un atraso de dous anos.

"Esperemos que o monumento sexa unha realidade antes de que finalice o mandato, aínda que debido ás continuas demoras, varios familiares faleceron sen poder velo", lamentou.

Ademais, o portavoz desta plataforma adiantou que teñen previsto organizar un acto de homenaxe ás vítimas que terá lugar o 28 de abril, no Teatro Jofre de Ferrol, e ao que convidan o alcalde da cidade, o socialista Ángel Mato, a participar.

Resposta do Goberno

Desde o Goberno de Ferrol, a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, lamentou que "unha parte de integrantes desta plataforma acusen o Goberno de desidia", xa que detallou que "se hai un goberno que impulsou dunha maneira certa este memorial, é precisamente este".

Martínez asegurou que no ámbito administrativo tiveron que "partir de cero, xa que non había nada en firme", e comezaron "a tirar adiante no ano 2021".

A edil socialista manifestou que "despois de numerosas dificultades, temos xa unha figura realizada, de forma altruísta e xenerosa, polo escultor Manuel Patinha e agora estamos a ultimar a redacción dunha memoria para contratar a dirección de obra para a construción dunha base, que ademais da estatua, terá os nomes das vítimas da ditadura e represión franquista".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios