[VÍDEO] O documental '10 de marzo' estréase en Ferrol coa vista posta nas folgas de 1972

Roi Cagiao rememora o asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla.
Manifestación do 9 de marzo de 1972 en Ferrol. (Foto: Francisco Menéndez Porto)
photo_camera Manifestación do 9 de marzo de 1972 en Ferrol. (Foto: Francisco Menéndez Porto)

 O Teatro Jofre, en Ferrol, acolle este sábado a preestrea do documental 10 de marzo, unha peza audiovisual dirixida polo cineasta Roi Cagiao, da man da produtora Arthur Gordon. A longametraxe reconstrúe os sucesos acontecidos naquela data en Ferrol.

Durante unha manifestación do persoal da Empresa Nacional Bazán -hoxe Navantia-, a Policía Armada franquista exerceu unha dura represión, que se saldou con case un cento de traballadores e traballadoras feridas, así como co asasinato a tiros de Amador Rey e Daniel Niebla.

Catro anos de traballo

En conversa con Nós Diario, Roi Cagiao recoñece que foron catro anos de "moito traballo". "Foi un proceso longo, que comezou coa documentación e seguiu coa guionización do documental", detalla o director de 10 de marzo.

De todo o material que conseguir recompilar, o cineasta destaca o "inmenso" arquivo audiovisual que Navantia facilitou. Precisamente, a compañía é unha das patrocinadoras do documental, xunto co Concello de Ferrol e o Sindicato Nacional de CCOO Galiza.

Todo o material facilitado por Navantia, moito do cal é inédito, serviulle ao equipo de rodaxe para coñecer como era o día a día nas factorías ferrolás.

Despois desta primeira fase, chegou a quenda de entrevistar as testemuñas aínda vivas dos feitos ocorridos en Ferrol hai 50 anos, moitas delas participantes na manifestación. "Falamos con todos eles hai tres anos; mesmo dous xa faleceron", explica Roi Cagiao a Nós Diario.

Entre os entrevistados e entrevistadas destacan nomes protagonistas da loita antifranquista na Galiza como Rafael Pillado, Sari Alabau, Suso Díaz ou Fernando Miramontes -este último finado o pasado ano-.

"Satisfeito" co resultado

Horas antes de que o documental vexa a luz, o seu director móstrase "moi satisfeito" co resultado obtido. Cagiao, que xa dirixira a peza documental Vigo 1972, salienta que 10 de marzo non se trata dunha segunda parte, senón que ambas as dúas forman unha "obra completa".

Ferrol será a primeira das paradas do documental antes de chegar aos cines do país o vindeiro 25 de novembro. Antes, 10 de marzo pasará por Santiago de Compostela, ao abeiro do festival audiovisual Cineuropa.

"Con este traballo queremos chegar a maior número de persoas, e non só a cinéfilos ou interesados e interesadas na historia sindicalista do país", afirma o director, que espera que a peza teña un éxito "semellante" ao de Vigo 1972.

Comentarios