Corenta anos sen facer xustiza polo asasinato de Puig Antich

Salvador Puig Antich foi asasinado con só 23 anos a garrote vil na noite do 2 de marzo de 1974. A resposta internacional non foi quen de parar unha das máis terríbeis execucións do fin do franquismo. A irmá de Salvador, Merçona Puig, reclama que a xustiza arxentina emita orde de busca e captura contra o sogro de Gallardón, ex-ministro franquista José Utrera 

Puig Antich
photo_camera Puig Antich

Durante corenta anos, a irmá de Salvador Puig Antich non claudicou na súa loita por facer xustiza pola memoria de seu irmá. A última das súas accións, personarse na causa contra a represión franquista que está a levar a xustiza arxentina. Reclama Merçona Puig Antich que se emita unha orde internacional de busca e captura contra o que fora ministro de Franco, José Utrera Molina, sogro do actual ministro de xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón. 

Militante do Movemento Ibérico da Liberación (MIL), Salvador Puig Antich foi asasinado a garrote vil no Cárcere Modelo de Barcelona o 2 de marzo de 1974. Un tribunal franquista condenárao pola morte dun membro da Brigada Político Social no medio dun tiroteo acontecido nun portal da rúa Girona de Barcelona.  

Corenta anos despois, o xornalista Jordi Panyella desmonta no novo libro "Salvador Puig Antich, caso aberto" a versión oficial e recolle testemuños que deixan á vista a manipulación do xuízo co que o rexime franquista xustificou o asasinato do militante anarquita. Entre elas, como relata nunha entrevista publicada hoxe no xornal vilaweb, bota abaixo os oito folios mecanografados que a policía recolle como declaración do acusado nun momento no que Puig Antich non podía falar por ter a mandíbula partida, como testemuñan as enfermeiras que o atenderon. A mesma autopsia do policía foi manipulada xa que no corpo había realmente máis balas que as que se adxudicaban a Puig Antich. 

Probas falsas para un xuízo sen revisar

Por vez primeira Jordi Panyella recolle testemuña do militante do MIL detido canda Puig Antich que inculpou ao seu compañeiro despois de ser torturado recoñecendo agora que desde o lugar no que se atopaba non o tiña no ángulo de visión. O xornalista consegue mesmo o recoñecemento da persoa que manipulou o sumario no xulgado. 

“Aínda queda moito para que este país sexa plenamente democrático, que quere dicir que ese respecten as liberdades e que o poder xudicial sexa independente e que non actúe condicionado por hipotecas do pasado e afinidades”, sinala na entrevista Panyella que reclama a reapertura do caso e facer xustiza coa memoria de Puig Antich. 

A figura de Puig Antich converteuse en símbolo contra o franquismo e desde Miró, Ferrín a Lluich Llach mostraron o seu rexeitamento polo crime. Manifestacións en diversos países do mundo condenaron un dos últimos e máis salvaxes asasinatos do franquismo do que agora se conmemoran catro décadas. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios