'30 castelos para descubrir un reino'

O compostelán Castelo da Rocha Forte, de murallas concéntricas e foxos protectores

Son moitos os lugares do patrimonio galego que nos transportan a tempos pasados, a intres e contextos; espazos evocadores que pedra sobre pedra levan a quen os visita aos séculos dos entregos. Un deles, quizá dos máis salientados no caso da Galiza medieval, é o castelo da Rocha Forte. Pero non só coma lugar. Pedra sobre pedra, a súa construción conforma un edificio senlleiro na contorna compostelá, forte e rexo, de muros torres e adarves no seu tempo, como reza o seu nome. Pero ademais compréndese coma herdanza e produto dun conxunto de procesos sociais e políticos que, paseniño, ano a ano, decenio a decenio, século a século, deixaron nas súas rochas as pegadas daquilo que ocorrera, daquilo que se pensara... da vida, en definitiva.
Torre norte do Castelo da Rocha Forte. (Foto: Xosé Manoel Sánchez Sánchez)
photo_camera Torre norte do Castelo da Rocha Forte. (Foto: Xosé Manoel Sánchez Sánchez)

A fortaleza estende a súa vida ao longo de boa parte do medievo galego, entre os séculos XIII e XV e por ela pasan as transformacións da propia sociedade. Cerne da xurisdición arcebispal compostelá, o castelo eríxese en símbolo de poder político cara a mediados do Douscentos, case dende a súa edificación por promoción do bispo Xoán Arias, e como tal sufrirá xa no final do período os ataques irmandiños de 1466-69 que vían nel, coma en tantos outros, o símbolo material da presión señorial.

Pero é que a Rocha non era calquera edificio. Perante as súas murallas asinábanse acordos públicos, a súa tenza era encargada a aqueles de confianza e nos conflitos da cidade de Compostela co poder arcebispal (que non foron poucos nestas centurias), xogou un papel salientado nas loitas a pedra e ferro.

E así, feito a feito, tempo a tempo, A Rocha Forte foi tomando a morfoloxía que coñecemos hoxe en día: a dun castelo de rexas murallas concéntricas, de foxos protectores e bolaños espallados. E dentro dos seus muros, as escavacións acometidas dende o 2001 viñeron ofrecer restos variados: capiteis de columnas, puntas de frecha e espadas, moedas e cerámicas, dados e alfinetes. Todo un conxunto de pegadas materiais das xentes que o habitaron, testemuños directos e vivos, malia inertes, da vida material da sociedade galega daquela Idade Media.

A fortaleza atópase nun curuto rochoso situado a escasos cinco quilómetros de Compostela e cunha altitude duns cento oitenta e cinco metros sobre o nivel do mar, o que favoreceu a súa defensa e a súa visibilidade da e pola contorna. Conflúen no entorno o río Sar e o regato do Vilar, que rega no só o espazo senón que abastece o castelo de auga tanto para o consumo como para o seu foso húmido.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios