Compostela evoca o Seminario de Estudos Galegos cunhas xornadas da AC O Galo

Os relatorios contaron con Miguel Anxo Seixas, Xosé Fraga e Antón Costa.
Xosé A. Fraga, Miguel Anxo Seixas e Antón Costa, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Xosé A. Fraga, Miguel Anxo Seixas e Antón Costa, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)

A compostelá Libraría Couceiro foi o escenario esta cuarta feira da primeira das xornadas sobre o Seminario de Estudos Galegos (SEG) centradas no centenario da histórica entidade. A Agrupación Cultural O Galo é a encargada de lle dar forma a estas xornadas que se dividen en tres días e nas cales persoas expertas tratarán diversos temas relacionados co SEG.

Esta cuarta, a xornada constou de tres intervencións, comezando pola de Miguel Anxo Seixas, historiador natural de Arzúa que foi coordinador do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. A súa disertación levou por título 'Recompilar e catalogar Galiza'.

A seguinte intervención correu a cargo de Xosé A. Fraga, doutor en Bioloxía e diplomado en Historia das Ciencias. Foi o coordinador do grupo de traballo de Historia das Ciencias e das Técnicas do Seminario de Estudos Galegos, constituído en maio de 1987 e dirixiu a revista Ingenium. Ademais, é académico correspondente da Real Academia Galega e é membro do Comité científico da Reserva da Biosfera das Mariñas Terras do Mandeo.

A súa disertación centrouse precisamente no mundo das ciencias baixo o título 'A aposta polas ciencias no SEG'. Segundo aseverou, esta é unha área que merece un profundo estudo xa que o SEG "incorporou por vez primeira na historia do galeguismo cultural as ciencias entre os seus temas de traballo".

Finalizou a primeira das xornadas coa intervención de Antón Costa, catedrático de Historia da Educación na Universidade de Santiago de Compostela, xubilado despois de 44 anos de exercicio como profesor. Con traxectoria docente e investigadora nos campos da política educativa e da historia da educación, Costa representou o novo Seminario de Estudos Galegos durante máis de dúas décadas no Consello Escolar da Galiza. Aliás, está ligado desde mediados dos anos setenta aos ámbitos de militancia política e cultural progresista e nacionalista galega. 'Unha nítida reivindicación: A escola galega', foi o título do seu coloquio que se puido escoitar onte en Compostela.

As xornadas por diante

O 27 de setembro e o 5 de outubro terán lugar as dúas xornadas restantes organizadas polo Galo. Durante eses días intervirán persoas expertas no SEG como Uxío-Breogán Diéguez, Aurora Marco, X. Ramón Pena, Manuel Vilar, Mercedes Rozas ou Xosé Ramón Ermida. Estas dúas xornadas tamén terán lugar na Libraría Couceiro.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios