Máis

Os 'chans' megalíticos

Cultura funeraria na península do Morrazo.
A anta de Chan de Arquiña (Moaña, O Morrazo), monumento funerario prehistórico con máis de 5.000 anos de antigüidade. (Foto: T. R. B.)
photo_camera A anta de Chan de Arquiña (Moaña, O Morrazo), monumento funerario prehistórico con máis de 5.000 anos de antigüidade. (Foto: T. R. B.)

P resentes nos montes da comarca do Morrazo desde hai milenios, podemos atopar antas, estruturas formadas pola conxunción de grandes pedras a modo de cámaras funerarias. Nun souto chan entre os montes Faro e Xaxán (Domaio, Moaña), encóntrase case soterrado o Chan de Arquiña. Esta anta foi escavada no ano 1953 e ten datada a súa orixe en máis de 5.000 anos desde que se erixiu.

Este túmulo funerario, en bo estado de conservación, estaba fechado orixinalmente mais quitouse parte del para poder entrar no corredor, dunha lonxitude de 1,70 metros, formado baixo os bloques de pedra. Aquí foi atopado un abondoso enxoval, con restos de cerámica e ferramentas, que pode ser contemplado na actualidade no Museo de Pontevedra. Tamén quedan restos de ocre no interior polo que existe a hipótese da presenza de pinturas que non chegaron até os nosos días. Pola súa antigüidade e boa conservación, esta anta é considerada unha das máis representativas da Galiza.

No Pereiro (Piñeiro, Marín) existe outro exemplo de anta, O Chan de Armada. Escavada en 1957, ten unha idade semellante á súa ‘compañeira’ de Moaña, erixida entre o Neolítico e a Idade dos Metais. Está composta por nove esteos de pedra e un corredor con orientación leste. Atópase en mal estado, posto que a súa cuberta foi desprazada, a contorna está chea de silveiras e arames, existen vertidos de lixo no redor e parte das pedras do corredor da anta foron obxecto de vandalismo. A súa desprotección foi denunciada por entidades sociais e políticas  de Marín, que solicitan plans de protección e de recuperación deste antigo fito e que aínda están á espera de executarse.

Este lugar encóntrase no límite entre os concellos de Marín (Morrazo) e Vilaboa (Pontevedra), mesma situación que a Mámoa do Rei de Castiñeiras (A Graña, Vilaboa), perto deste lugar. Este túmulo megalítico é o maior dun conxunto de antas presentes na zona. Restaurado no ano 2003, tamén ten uns 5.000 anos e as súas considerábeis dimensións, 25 metros de diámetro e 2 de altura, outórganlle certa notoriedade. Ademais, 14 pedras verticais (ortostatos) sosteñen os catro bloques que fan de teito do corredor.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios