'30 castelos para descubrir un reino'

Castelo de Maceda, unha fortaleza nunha encrucillada

Chamada a ser sede do título condal de Maceda, esta fortaleza é de orixe moi antiga; mesmo di a tradición que aquí se educou o rei Afonso “O Sabio”, co seu preceptor Garci Fernández. Desde a plena Idade Media estivo vinculada á casa fidalga dos Nóvoa. A súa silueta orgullosa domina como noutro tempo a paisaxe do val. Hoxe é un Hotel Monumento.
Castelo de Maceda.
photo_camera Castelo de Maceda.

O castelo de Maceda é un referente das terras altas de Ourense, que son territorio poboado desde a Antigüidade e no que os romanos desenvolveron infraestruturas de explotación mineira. Desde a altura que lle da o outeiro e a súa mota, a fortificación ten un importante control visual do val do Medo e da Serra de San Mamede e Altos do Rodicio; ten aos pés o antigo lago conformado polas terras regadas polos ríos Tioira, Maceda e Arnoia que, contan, está protexido por un xigante durmido. A zona é un espazo de tránsito desde antigo e por aquí pasou a Vía XVIII do Itinerario Antonino, tamén chamada Nova, que construíron os romanos para unir Braga e Astorga.

Na orixe, o castelo e o pobo

Todo apunta a que a vila de Maceda, ou Maceda de Limia, como se chamou nos tempos máis antigos, era un núcleo de intercambio de bens agrarios da contorna pero tamén de comercialización da produción mineira orientada ao ferro nos tempos medievais. Daquela, a vía dos romanos deixara de existir pero o lugar seguiu sendo unha encrucillada das rutas que ían a Castro Caldelas e Trives, Valdeorras, Ourense e Monforte, ademais das terras do Limia e a través delas á Galicia meridional.

Esta localización deu valor estratéxico ao castelo en tempos de guerra e utilidade nos días de paz. Di a lenda que San Rosendo e a súa familia posuíron o casal de Manzaneda, núcleo orixinal da vila. Arredor dese berce inicial consolidaríase o pobo e ao seu carón o castelo que, malia estar nunha situación que non é a óptima desde o punto de vista militar, compensaba esta circunstancia co feito de situarse nunha encrucillada con gran control do val e a montaña. Esta vixilancia do movemento e tráfico comercial debeu estar na orixe da elección do seu predio. Por este motivo, nos tempos iniciais esta fortaleza fica apegada ao poder real.

Di a tradición que o rei Afonso “Sabio” foi criado na comarca de Allariz-Maceda e que tería pasado tempadas neste castelo co seu preceptor Garci Fernández e a súa dona Maior Arias, que recibirían en agradecemento bens en Maceda. Verdade ou non, o certo é que o destino da vila está moi vinculado a este castelo e ao favor dos reis. De feito, a concesión dun privilexio de feira en 1401 supuxo o despegue definitivo da poboación, que chegou a albergar no século XIX un dos mercados máis importantes de Galicia.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios