'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

Castelo de Moeche, o símbolo da Gran Guerra Irmandiña

Situado nas proximidades da igrexa parroquial de San Xurxo, no concello de Moeche, foi testemuña de excepción das grandes convulsións políticas que sufriu o reino da Galiza entre os séculos XIV e XV. A súa esmerada arquitectura e a súa recente rehabilitación fan del o edificio civil de época medieval mellor conservado de toda a comarca de Ferrol.

Vista aérea do castelo de Moeche e do seu baluarte de entrada  (Foto: David Vide López).
photo_camera Vista aérea do castelo de Moeche e do seu baluarte de entrada (Foto: David Vide López).

Todo un símbolo da furia e da Gran Guerra Irmandiña, o castelo de Moeche representa unha das estampas máis icónicas das fortificacións galegas do século XV. De alma medieval e pel renacentista, a fortaleza está construída sobre un afloramento rochoso de xistos: un outeiro desde o que se domina de xeito visual todo o longo e fértil val que atravesa o río San Xurxo, chamado así en honra da freguesía na que se localiza.

Reconstruído e rehabilitado a comezos deste século, desde 2009 o castelo acolle no seu interior un centro de interpretación histórica que permite ás persoas visitantes achegarse a un tempo no que Galiza era un reino e no que os diferentes poderes —urbanos, eclesiásticos, monárquicos e nobiliarios— loitaban por gañar preponderancia.

Debido á súa situación central no conxunto das antigas terras de Besoucos, Trasancos, Cedeira e Ortigueira, desde o século XIV o castelo de Moeche adquiriu gran relevancia dentro dos dominios dalgunhas das liñaxes nobiliarias máis representativas do reino da Galiza, tales como os Valcarce e, moi especialmente, os Lemos.

 Porén, a memoria e identidade da fortaleza pasaría á historia por ser un dos escenarios máis sinalados da Gran Guerra Irmandiña (1467-1469), até o punto de ser a revolta a responsábel da súa aparencia actual e da súa configuración como unha das iconas máis paradigmáticas da confrontación das Irmandades, nacidas ao abeiro da autoridade do rei de Castela, e os grandes nobres do reino da Galiza. E é que após ser incendiado e asediado polos exércitos irmandiños, foron Pedro Álvarez de Osorio, conde de Lemos, e a súa dona, Beatriz de Castro, os que ordenaron a reconstrución e ampliación do castelo. É por iso que hoxe, ao nos referir ao castelo de Moeche, debemos falar, ineludibelmente da historia de dúas fortificacións: a última, a visíbel, e a primitiva, da que hoxe apenas fican os seus alicerces, destacados no pavimento do castelo.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios