Cañoto, un duro na BPS de Ferrol

É un nome inescusábel para todo o Ferrol antifranquista, que militou sen dúbidas contra o réxime e que soubo en primeira man da represión. A morte de Franco elevouno as súas máis altas responsabilidades públicas, rematando na empresa privada como tantos policías daquelas cloacas franquistas que chegan a hoxe.

Cañoto Grises
photo_camera Carga policial nos últimos anos do franquismo. (Foto:Nós Diario).

Chamábase Alfredo Fernández Cañoto pero para todos, indistintamente, era Cañoto. Fillo dunha parella orixinaria do concello do Saviñao, naceu en Ferrol en 1941, incorporándose á policía ao pouco  de graduarse como bacharel superior á altura de 1960, non tardando en destacar na labor de persecución aos demócratas, ben fóra en tarefas de seguimento e control, acudía as proxeccións do cine club a tomar nota dos asistentes, ou no maltrato aos detidos para acadar información.

Non tardou en converterse nun relevante represor con fama de duro en toda Galiza, sendo condecorado en xullo de 1969 coa cruz da orde do mérito policial en distintivo branco “polos servizos prestados” durante o estado de excepción dese ano. Sinalouse en 1972 nas torturas aos obreiros de Ferrol durante as xornadas de e no castigo aos operarios de Vigo nas folgas de setembro, apracendo sinalado polo terror causado nas publicacións das organizacións democráticas.

Os nomes da BPS en Ferrol

A sección ferrolá da Brigada Político Social acumulou un amplo historial represivo. O máximo responsábel da unidade policial na localidade era Emilio Guzmán García, significándose na mesma, entre outros, Francisco Brage Bouza, Nicolás Lago Simó, Jesús Roberto Patiño Insua, Inocencio García Porta, José Luís Díaz Longedo, Luis Flores Miñanbres, Amador Quintia Fernández, Alejandro López Parente e Alfredo  Fernández Cañoto.

A participación dalgúns deles na tortura aos demócratas aparece documentado na testemuña das súas vítimas e nas crónicas de prensa, como a asinada o 23 de abril de 1972 n´ A voz do pobo, voceiro do PCG, onde se sinala, en relación coa represión que seguiu ás folgas de marzo, que “principal torturador Luís García Moran da BPS de Madrid, foi este nazi o máis destacado e o que participou en todas as torturas; Xosé Luís Díaz da BPS de Ferrol, outra besta dando  golpes e  patadas; Nicolás Lago Simó da BPS de Ferrol e Juan Guzmán García, xefe da BPS de Ferrol. Tamén  tomou parte activa Francisco Brage Bouza, xefe de información de Ferrol”.

Cañoto deu o salto a Madrid en 1974, centrándose na persecución á oposición universitaria e chegándose a matricular  na Facultade de Dereito para ser máis eficaz no seu traballo. Neste período, limitouse a replicar o aprendido en Ferrol, deixando testemuñas do seu facer diversos dirixentes estudantís que souberon do medo e do terror rela após pasar polas súas mans nos soutos da Dirección Xeral de Seguridade, actualmente convertido, quizais non sexa casual, en sede do Goberno da Comunidade de Madrid.

Alto cargo co Goberno de Suárez

Inspector de primeira da Brigada central de información, fixo parte da equipa de confianza de Manuel Fraga durante a súa etapa ao fronte do Ministerio de Gobernación, nos meses posteriores á morte do ditador e coincidindo cos crimes de Estado de Vitoria e Montejurra. O Goberno de Suárez, tamén, contou con el, nomeándoo comisario xefe do servizo central de escoltas entre 1980 e xuño de 1981.

Cañoto morreu en 1996. Ao igual que moitos policías da súa xeración compatibilizou a súa ocupación no sector público con importantes cargos directivos en empresas como responsábel da súa seguridade. Nunca pediu perdón polo feito, as súas responsabilidades cubertas por unha fraudulenta Lei de amnistía por iso as súas vítimas seguen falando con medo de Cañoto.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios